A Xunta incrementará o orzamento á Administración de Xustiza en 2021 nun 4,4% para crear e renovar novos órganos xudiciais e avanzar na súa modernización

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, participaron esta tarde na reunión da Comisión Mixta de Xustiza

O Goberno galego avanzou as actuacións previstas para o próximo ano, que inclúen o remate do Plan de Infraestruturas Xudiciais coa posta en marcha da Cidade de Xustiza de Vigo, ademais de continuar co Plan Senda co incremento das salas de vistas dixitais ou a rede de videoconferencias

Alfonso Rueda lembrou que o Goberno galego acondicionará e dotará os tres novos xulgados do Social cos que reforzar a Administración de Xustiza ante a covid-19

A Xunta tamén seguirá dotando de persoal e medios aos dous xulgados especializados de cláusulas chan na Coruña e Vigo que prorrogarán a súa actividade

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde xunto co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, na reunión da Comisión Mixta de Xustiza, onde o Goberno galego presentou as actuacións previstas na Administración de Xustiza para 2021, que contará cun orzamento de 134 millóns de euros, un 4,4% máis que este ano.

Estas contas permitirán rematar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 115 millóns de euros coa finalización da Cidade de Xustiza de Vigo, que contou cun investimento de 42,3 millóns. Ademais, iniciaranse outras infraestruturas necesarias como un novo edificio xudicial en A Estrada ou unha sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela.

O orzamento para a Administración de Xustiza inclúe 11 millóns da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co obxectivo de continuar a avanzar na modernización dos órganos xudiciais no marco do Plan Senda. Nesta liña, a Xunta implantará novas salas de vistas xudiciais, que se sumarán ás xa activadas este ano, e incrementará a rede de videoconferencias, que tal como explicou Alfonso Rueda, “viu xeneralizado o seu uso debido á crise sanitaria da covid-19”. Tamén se continuará coa consolidación do teletraballo, que xa empregan un terzo dos funcionarios xudiciais.

O vicepresidente primeiro da Xunta anunciou que o Goberno galego “cumprirá co seu compromiso de crear e manter todos os órganos xudiciais que se aproben para a comunidade”, como é o caso da dotación de persoal, mobiliario e equipos informáticos os tres xulgados do social –o nº4 de Lugo, nº7 da Coruña e nº7 de Vigo- solicitados de forma conxunta pola Administración autonómica e o TSXG na anterior reunión da Comisión Mixta o pasado xuño.

Trátase dunha das medidas incluídas no Plan de actuación para axilizar a actividade xudicial ante a covid-19 aprobado o pasado xuño e que conta cunha dotación de 1 millón de euros, a través do que tamén se financiará a prolongación de xornada do persoal de tribunais cunha carga de traballo excesiva e apoiará a creación de xulgados “bis”.

A Xunta tamén seguirá dotando de persoal de reforzo e medios materiais aos dous xulgados especializados en cláusulas chan que manterán a súa actividade en 2021 –o de Primeira Instancia nº7 da Coruña e o nº14 de Vigo- dacordo coa proposta pola sala de Goberno do TSXG.

Así se resolveu noutro encontro celebrado hoxe entre o Consello Xeral de Poder Xudicial (CXPX), o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, na que participou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Deste xeito, acordouse a prórroga nos xulgados especializados da Coruña e Vigo, mentres que os asuntos en materia de cláusulas abusivas que ata agora ingresaban no de Primeira Instancia nº2 e Mercantil de Lugo e o nº7 de Ourense pasarán a distribuírse entre os xulgados de Primeira Instancia e de Instrución do partido xudicial correspondente debido ao descenso de casos pendentes.

Imaxes relacionadas