O presidente da Xunta reuniuse esta mañá co alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández Moreiras

Feijóo destaca que o orzamento da Xunta destina 1 M€ para iniciar a ampliación da urbanización do Parque Tecnolóxico de Galicia

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández Moreiras, que os orzamentos da Xunta para 2021 inclúen unha partida de 1 millón de euros para iniciar os traballos de ampliación da urbanización dos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Ademais, o presidente da Xunta lembrou que a modificación do proxecto sectorial se someterá a información pública neste mes de decembro, o que, entre outras cuestións, permitirá cambiar o uso permitido das parcelas que os empresarios desexan alugar para aparcar camións.

Nesa liña, Feijóo recordou o investimento de 22 millóns de euros na vía de acceso ao polígono en Gargantóns, que permite acurtar un 60% a distancia coa autovía das Rías Baixas (A-52).

No eido das infraestruturas, Feijóo tamén confirmou unha partida orzamentaria de 250.000 euros para a circunvalación leste, que xa ten iniciado o seu trámite de avaliación de impacto ambiental.

O presidente da Xunta e o alcalde de San Cibrao das Viñas tamén abordaron a situación da rede de augas pluviais no núcleo de Calvos e as beirarrúas na OU-105 en Ponte Noalla.

Na reunión, o titular do Executivo galego destacou a colaboración entre ambas administracións, coa entrega de material -máscaras, xel hidroalcólico, luvas, batas, traxes, desinfectantes e pantallas faciais- para a loita contra a covid por parte da Administración autonómica.

No eido económico, ata o momento foron aprobadas 12 axudas a empresas, que empregan a 86 traballadores, por un importe de 590.000 euros. Ademais, no marco do apoio a proxectos innovadores de Gain, a empresa Fentotek recibiu 67.550 euros para o seu proxecto de fabricación dun respirador avanzado.

Ademais, incrementáronse en 1.000 horas ao mes o Servizo de Axuda no Fogar Extraordinario.

Imaxes relacionadas