Lete Lasa destaca o traballo de todo o deporte galego que permite o éxito seguro de celebracións deportivas como a Liga Española de Vela en Baiona

“Hoxe, cando España enteira se recupera da segunda onda, Galicia segue tendo uns dos mellores datos epidemiolóxicos no contexto nacional e o deporte federado atópase exceptuado das restricións”

Baiona (Pontevedra), 2 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou na mañá de hoxe da presentación da Liga Española de Vela Trofeo Loterías y Apuestas del Estado. Unha competición, dixo, “que poñerá en liza os monotipos Fígaro entre os que se atopa a embarcación do Monte Real Club de Yates de Baiona”, ao que desexou a mellor das sortes.

Precisamente de sorte falou o secretario xeral, a 20 días da celebración do Sorteo Extraordinario de Nadal de Loterías y Apuestas del Estado, unha institución que non só enche os fogares de felicidade e saúde económica a través dos sorteos, se non tamén apoiando e promovendo numerosos eventos deportivos coma esta Liga Española de Vela.

No deporte, dixo, “a relación causa efecto do esforzo e o sacrificio cos resultados adoita ser máis fiel do que Galicia e o deporte galego son un bo exemplo”. “Hoxe, cando España enteira se recupera da segunda onda, Galicia segue tendo uns dos mellores datos epidemiolóxicos no contexto nacional e o deporte federado atópase exceptuado das restricións”, incidiu.

Esta situación débese ao “titánico esforzo realizado polo deporte galego para apontoar os requisitos e as condicións dunha práctica deportiva segura”. “Un esforzo que abandeirou a Xunta desde a que elaboramos e aprobamos preto de 70 protocolos baseados no modelo FISICOVID, polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia”, informou e, do mesmo xeito, lembrou que a actividade deportiva federada autonómica debe realizarse con mascarilla e o deporte de ámbito estatal non profesional realizado en Galicia esixe tests serolóxicos ou probas similares.
 

Imaxes relacionadas