A Xunta destaca que o Xacobeo é un reto vivo chamado a ser motor da recuperación de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, dou conta hoxe no Parlamento das actuacións e propostas do grupo de traballo creado para a reformulación do Xacobeo 2021

Composto por un equipo de 25 membros, os seus traballos permitiron definir 30 propostas de traballo, das que boa parte xa están en marcha

O grupo de traballo estableceu a seguridade como unha prioridade absoluta para avanzar no mellor dos xacobeos posibles

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020

A directora de Turismo de Galicia explicou hoxe no Parlamento de Galicia as actuacións levadas a cabo polo grupo de traballo para o Xacobeo 2021. Na súa intervención, Nava Castro, destacou a importancia social e económica que supón a celebración do vindeiro Ano Santo ao tempo que cualificou este Xacobeo coma “un reto vivo” que está chamado a desenvolver un papel de primeiro orde no proceso de recuperación emocional e económico do noso territorio “pola súa dimensión internacional e de facer país”.

Composto por 25 membros de diferentes eidos relacionados co Xacobeo -universidades, asociacións de amigos do Camiño, empresarios do sector, membros da Academia Xacobea, entre outros- e presidida pola Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, o grupo de traballo para o Xacobeo 2021 quedou constituído en maio coa finalidade de elaborar un documento de recomendacións concretas no novo escenario despois da covid19, e que deu como resultado “unha estratexia nova para un novo camiño”.

“A pluralidade, a formación e a experiencia no traballo foron criterios comúns na elección dos membros”, explicou a directora de Turismo de Galicia, quen destacou que tras a súa creación, o grupo desenvolveu preto de 15 encontros co obxectivo de avanzar na estratexia Xacobeo 2021 “dunha maneira planificada e sen improvisación”, contando coa colaboración dos diferentes axentes económicos implicados, evitando xerar incertezas nos sectores afectados e traballando para “facer o mellor Xacobeo 2021 posible coa vista posta na vindeira Década Xacobea”.

Mesas de traballo e creación de estratexias

Baixo estes criterios o grupo organizou tres mesas temáticas das que se obtiveron 30 propostas de actuación nas que a seguridade se estableceu como unha prioridade absoluta. O grupo determinou, ademais, como principio estratéxico de traballo, a necesidade de que o Ano Santo actúe como motor de riqueza sustentable para Galicia, estendendo os seus efectos á economía e á sociedade galega e contribuíndo á construción dun destino dixital e de referencia de boas practicas para o turismo cultural de Europa.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia afirmou que boa parte destas consideracións establecidas polo grupo de traballo xa se puxeron en práctica. Así, destacou a elaboración protocolos e plans de continxencia para todos os axentes implicados no Camiño e no Ano Santo para estar preparados e facer fronte á covid19 no marco da construción dun Camiño Seguro. Tamén se habilitaron axudas a colectivos e concellos no Camiño; acometéronse plans de actuación nos albergues e no embelecemento do Camiño, ademais da posta en marcha do Plan Estratéxico Xacobeo 2021 e o Plan de Reactivación cultural e turístico de apoio aos sectores afectados.

“Un excelente traballo deste grupo”, concluíu Nava Castro, “que se viu tamén reflectido no esforzo que o Goberno galego fai no orzamento da Vicepresidencia Primeira para 2021, que asigna 85,6 millóns de euros á programación, seguridade e promoción do Xacobeo.