A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os responsables das distintas asociacións provinciais

Ethel Vázquez avánzalle ao sector da construción a licitación en decembro de obras públicas por máis de 152 M€ co obxectivo de dinamizar a economía e crear máis de 2.800 empregos

Vázquez Mourelle subliña que a Xunta foi practicamente a única Administración que aumentou a licitación este ano en Galicia, segundo o informe da Federación da Construción

Pide colaboración e suma de esforzos ás empresas e aos profesionais da construción para axilizar a execución dos investimentos e aproveitar a oportunidade única duns Orzamentos da Xunta extraordinarios

Adianta o compromiso de seguir ese camiño en 2021, grazas a uns Orzamentos que soben case o 19 % no caso da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Remarca o investimento de máis de 78 M€ en infraestruturas sanitarias, o que permitirá impulsar o Hospital de Montecelo, o Novo CHUAC ou o CIS Lalín

Salienta unha partida de case 40 M€ para continuar vías de altas prestacións como a Vía Ártabra, Tui-A Guarda, Costa da Morte ou a AG-59, entre outras

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avánzalle ao sector da construción a licitación, neste mes de decembro, de obras públicas por máis de 152 millóns de euros co obxectivo de dinamizar a economía e crear máis de 2.800 empregos.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os responsables das distintas asociacións provinciais.

Subliñou que o propio informe desta federación acredita que a Xunta foi practicamente a única Administración que incrementou a licitación este ano en Galicia. Neste sentido, trasladoulle ao sector o compromiso de seguir por ese camiño en 2021.

Destacou que a Xunta vén de aprobar uns Orzamentos para 2021, que xunto coa protección social e sanitaria, apostan polo investimento produtivo.

Puntualizou que estes presupostos, os maiores da historia da Autonomía, contrastan cos do Estado, os máis baixos en 15 anos para Galicia, que abandonan os investimentos, co que isto implica para o sector da construción e os miles de postos de traballo que dependen del.

Sinalou que esta aposta da Xunta se traduce nun incremento de case o 19% dos presupostos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o que implica un importante aumento da capacidade de investir en obras.

Fixo fincapé nos investimentos dirixidos á mellora da calidade de vida das persoas, cunha previsión de máis de 78 millóns de euros en infraestruturas sanitarias que vai xestionar a Consellería de Infraestruturas.

Citou actuacións estratéxicas como o impulso do Hospital de Montecelo, o Centro Integral de Saúde de Lalín, que se licitarán nos vindeiros días, ou a execución do Novo CHUAC.

Sumou ás instalacións sanitarias, as obras para continuar vertebrando o territorio, cunha partida de preto de 40 millóns de euros destinada á continuación de vías de altas prestacións como a Vía Ártabra, Tui-A Guarda, Nadela-Sarria, Costa da Morte, Costa Norte, ou AG-59.

Tamén destacou o obxectivo de acadar un crecemento verde e sostible, mediante o impulso do transporte público coas estacións intermodais ou coa mellora da xestión do saneamento, depuración e abastecemento de auga.

Puxo en valor estes orzamentos como unha oportunidade única de contribuír á imprescindible reactivación e dinamización da economía e do emprego. Para isto, solicitou a colaboración do sector galego da construción á hora de axilizar a execución dos proxectos e das obras públicas.

Imaxes relacionadas