A conselleira de Política Social participou hoxe por videconferencia na reunión da Macrorrexión de rexións do Sudoeste de Europa (Resoe)

Fabiola García recalca a necesidade de que a futura Estratexia nacional do reto demográfico conte co investimento suficiente

Expuxo os avances de Galicia neste ámbito con medidas como as casas niño e casas do maior no rural, a tarxeta benvida, a gratuidade da escola infantil para segundos fillos e sucesivos ou a Lei de impulso demográfico

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, reiterou hoxe ao Goberno central a necesidade de que dote á Estratexia nacional do reto demográfico dos fondos suficientes para abordar esta cuestión, seguindo as alegacións que enviou a Xunta con este mesmo obxectivo. Fíxoo na reunión que mantivo coas comunidades que integran a Macrorrexión de rexións do Sudoeste de Europa (Resoe), formada por Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as comisións do norte e centro de Portugal; e que contou tamén coa presenza de representantes da OCDE e da Comisión Europea.

Fabiola García trasladou os avances acadados nos últimos anos en Galicia para facer fronte ao reto demográfico, con medidas pioneiras como a posta en marcha das casas niño e casas do maior no rural, que facilitan a conciliación das familias e o envellecemento activo na propia contorna; a tarxeta benvida, para contribuír á crianza das nenas e nenos desde que nacen ata os tres anos; ou a gratuidade da escola infantil para segundos fillos e sucesivos.

A titular de Política Social enmarcou estas axudas baixo o paraugas normativo da Lei de impulso demográfico, que o Parlamento de Galicia debate nestes momentos e que contempla medidas transversais e un orzamentaria de 800 millóns de euros ao ano para desenvolvelas.
 

Imaxes relacionadas