Medio Ambiente licita por 157.000 euros o proxecto da nova planta de biorresiduos de Vilanova, que dará servizo a uns 25 concellos

A conselleira Ángeles Vázquez visitou hoxe o polígono vilanovés de Baión, onde se adquiriron sete parcelas de preto de 20.000 metros cadrados por 1,5 millóns
Subliña que a nova instalación xerará arredor de 30 empregos directos e indirectos e terá importantes beneficios para a economía local e de toda a comarca do Salnés

Cunha capacidade de tratamento de 15.000 toneladas de fracción orgánica dos residuos sólidos urbanos, prevese que alcance unha produción de 6.000 toneladas anuais de compost de calidade, que se destinará a usos agrícolas

En total, a Xunta investirá 15,5 millóns de euros na futura planta de compostaxe, a segunda deste tipo coa que contará Galicia tras a posta en marcha da de Cerceda
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 2 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación a redacción do proxecto básico para construír unha nova planta de compostaxe no Concello de Vilanova de Arousa. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa visita ao polígono de Baión, onde se localizará a futura planta, para explicar que hoxe mesmo deuse por iniciado o procedemento, co anuncio da licitación por 157.000 euros, IVE incluído.

Os terreos que albergarán as instalacións -sete parcelas que se estenden por unha mazá enteira do polígono vilanovés- suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e foron adquiridos por 1,5 millóns de euros. Tal e como explicou a conselleira, este foi o primeiro paso para impulsar a que será a segunda planta en Galicia dedicada ao tratamento e xestión dos chamados biorresiduos domésticos, logo da posta en marcha o ano pasado da de Cerceda, no propio complexo medioambiental de Sogama.

O obxectivo da nova infraestrutura proxectada en Vilanova é dar servizo a aproximadamente 25 concellos do chamado eixo atlántico sur, polo que Ángeles Vázquez subliñou que os beneficios da súa posta en marcha percibiranse no municipio pero tamén en toda a comarca do Salnés. Neste sentido, a previsión é que a planta dea emprego directo na zona a entre 8 e 10 persoas, ás que se sumarán arredor doutros 20 empregos inducidos.

En canto á capacidade da planta, a conselleira indicou que poderá tratar ata 15.000 toneladas ao ano de fracción orgánica de residuos domésticos e outras 7.000 Tn de podas e restos de madeira. Con este material, explicou que o obxectivo é acadar unha produción de 6.000 Tn anuais de compost de alta calidade, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta abranguerá a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento) así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. O tratamento levarase a cabo en naves pechadas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías de procesado, control de cheiros e ruído, e a operativa industrial da instalación alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).

En total, o investimento previsto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na posta en marcha da instalación proxectada no polígono de Baión ascenderá a 15,5 millóns de euros e, como lembrou a conselleira, está previsto construír outras dúas plantas no sur de Ourense e no norte de Lugo, co fin de poder ofrecer o mesmo servizo nestas dúas provincias e cubrir a totalidade da Comunidade galega.

Orzamentos 2021 para mellorar a xestión dos residuos

Tras incidir en que unha das prioridades dos orzamentos do seu departamento para 2021 será seguir avanzando cara a un modelo moderno e eficaz na xestión dos residuos que sitúe a Galicia á vangarda de Europa nesta materia, Ángeles Vázquez detallou que se dedicarán 31,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos REACT só a este capítulo.

Desta partida global, cinco millóns irán dirixidos a transformar as cinco microplantas de transferencia coas que conta actualmente Sogama –localizadas en Ponteceso, Curtis, Riotorto, A Lama e A Cañiza- en instalacións máis eficientes e con maior capacidade, aumentando as taxas de reciclaxe e reducindo as emisións de CO2, e outros 25 millóns dedicaranse a fomentar a compostaxe na Comunidade a través das tres novas plantas de biorresiduos proxectadas nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Grazas a estes investimentos, a conselleira considerou que Galicia poderá seguir optimizando e consolidando a eficiencia do seu actual modelo de xestión de recollida selectiva dos residuos, en cumprimento das directrices europeas, ao tempo que contribuirán a crear novos empregos verdes en diferentes sectores profesionais

Imaxes relacionadas