A conselleira do Mar asistiu por videoconferencia á sinatura do ‘Programa para o reforzo das capacidades profesionais do sector marítimo-pesqueiro de Mozambique’

Galicia estreita os lazos con Mozambique no eido formativo para impulsar o crecemento do seu sector marítimo-pesqueiro

A Consellería do Mar, a través do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, participa nunha alianza público-privada co Goberno mozambicano, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Grupo Nueva Pescanova coa súa filial Pescamar

O obxectivo desta colaboración é mellorar a capacitación pesqueira das novas xeracións do país africano para promover avances no eido do mar

Rosa Quintana salienta que este convenio reforza vellas alianzas e crea novas oportunidades para o futuro ao contribuír á sustentabilidade dos recursos naturais, ao crecemento económico e a facilitar o acceso ao mercado laboral dos estudantes mozambicanos

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe por videoconferencia á sinatura do Programa para o reforzo das capacidades profesionais do sector marítimo-pesqueiro de Mozambique, un convenio de colaboración que, salientou, permite reforzar a relación entre Galicia e o Goberno mozambicano no eido formativo e contribúe a mellorar a capacitación pesqueira das novas xeracións impulsando así o crecemento do sector pesqueiro do país africano.

O programa é froito da Alianza Público-Privada para o Desenvolvemento conformada pola Consellería do Mar -a través do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo-, o Ministerio de Mar, Augas Interiores e Pesca de Mozambique -a través da Escola de Pesca de Matola-, o Grupo Nueva Pescanova coa súa filial mozambicana Pescamar e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e crecemento do sector pesqueiro mellorando o acceso ao emprego da xente nova mediante a adecuación da oferta formativa da Escola de Pesca de Matola ás esixencias da Autoridade Nacional de Educación Profesional de Mozambique.

A colaboración da Xunta con Mozambique concrétase a través do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, que apoia á escola de Matola no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as capacidades formativas e técnicas do persoal docente así como a apoiar ao centro de ensino mozambicano no deseño e implantación de cursos de formación regrados de curta duración.

A representante do Executivo galego lembrou que o instituto dependente da Consellería do Mar é centro de referencia nacional e un dos máis importantes nas áreas de formación profesional de pesca e navegación, polo que pasaron ata o momento preto de 2.500 profesionais. Neste sentido, subliñou a relevancia do seu labor nesta colaboración para fortalecer a xestión das zonas pesqueiras coa finalidade de garantir que os traballadores do mar poidan realizar o seu traballo pensando no presente pero tamén no futuro.

A titular de Mar salientou que Galicia sempre defendeu unha formación que sirva como proceso de experimentación, permita a ampliación e flexibilización das atribucións para realizar tarefas a bordo e o despacho de buques e que faga atractiva a actividade ás novas xeracións mediante unha mellor habitabilidade e seguridade a bordo.

Rosa Quintana tamén incidiu en que o proxecto con Mozambique contribuirá á sustentabilidade dos recursos naturais e ao crecemento económico mediante a mellora das cualificacións marítimo-pesqueiras dos máis novos, redundará na xeración de riqueza e valor engadido nas comunidades dependentes da pesca e favorecerá a integración laboral ao facilitar o acceso a un emprego a través do reforzo da oferta formativa marítimo-pesqueira. Este programa, resaltou, supón reforzar as vellas alianzas co país africano e crear novas oportunidades para o presente e para o futuro.

Obxectivos do programa

A alianza público-privada para o desenvolvemento con Mozambique, que terá unha duración aproximada de dous anos, pretende reforzar as capacidades formativas para adaptalas ás necesidades de desenvolvemento e potenciais demandas do sector marítimo-pesqueiro mozambicano, mellorar os equipamentos e materiais dispoñibles e xerar un espazo de colaboración permanente entre o sector privado marítimo-pesqueiro e as organizacións con competencia en formación de Mozambique.

Imaxes relacionadas