O conselleiro do Medio Rural debullou no Parlamento as partidas presupostarias do seu departamento para o ano vindeiro, que en total ascenden a case 585 M€

A Consellería do Medio Rural incrementa en case un 9% o seu orzamento de 2021 para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade

José González dixo que en 2021 estará aprobada a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, disporase dun borrador da de prevención e extinción de incendios forestais e comezará a desenvolverse a Lei de calidade alimentaria

Sobre a loita contra o lume, resaltou que se investirá un 23% máis en accións preventivas e infraestruturas forestais, mentres se mellorará o parque móbil, as instalacións, o equipamento e a formación do servizo de prevención e extinción

Ao abeiro do Plan Forestal, salientou que aumentará en 2021 o presuposto destinado á silvicultura, á mellora das masas forestais ou a programas de sanidade e se arroxarán os primeiros resultados do inventario forestal continuo

No eido da calidade, apuntou que se investirá un 40% máis en formación e se duplicará o orzamento dirixido á innovación, con dous millóns reservados para a mellora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, debullou hoxe no Parlamento galego as partidas presupostarias do seu departamento para o ano vindeiro, destacando que o orzamento global se incrementa un 8,8% con respecto a este 2020 para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade.

En concreto, as contas de Medio Rural para 2021 ascenderán aos 584.817.009 euros, segundo dixo o conselleiro, no marco dos maiores presupostos da historia de Galicia e nun escenario marcado pola pandemia da covid-19. Entre os logros fixados para o ano próximo, resalta a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, a disposición dun primeiro borrador da nova norma de prevención e extinción de incendios forestais e o comezo do desenvolvemento da Lei de calidade alimentaria, así como a implementación do Plan Forestal e da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego.

Prevención

Neste capítulo, o conselleiro do Medio Rural puxo en valor que o orzamento para accións preventivas e infraestruturas forestais se incrementa o ano que vén máis dun 23% con respecto a este 2020, ata acadar os 80 millóns de euros, o que supón que máis dun 61% do presuposto dirixido á anticipación aos incendios se destinará á prevención.

Para afondar na profesionalización do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, sufragarase con case 11 millóns de euros a construción e adecuación dunha rede mellorada de puntos de encontro, tanto no referido a instalacións dos efectivos como a almacéns e garaxes, e habilitarase no concello ourensán de Toén o Centro integral para a loita contra o lume, que pretende ser un referente europeo en materia formativa especializada en defensa forestal. Nesa liña, haberá 100.000 euros para continuar co Plan de formación do persoal da Dirección Xeral de Defensa do Monte e instruiranse máis axentes das Brigadas de Investigación de Incendios forestais, ademais de adquirir novos drons para dar apoio a estas tarefas. Así mesmo, investiranse máis de sete millóns de euros en equipamentos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios, máis do dobre que en 2020, incluíndo a mellora do parque móbil, dos equipamentos para o persoal e da maquinaria forestal.

Coa colaboración dos concellos galegos, en 2021 investiranse 7,75 millóns de euros para continuar promovendo o sistema público de xestión da biomasa implementado ao abeiro do convenio de protección das aldeas, ao que xa están adheridos 267 municipios. A maiores, destinaranse máis de 34 millóns nos convenios municipais, para levar a cabo traballos como tratamentos preventivos mecanizados que abranguerán máis de 17.000 hectáreas e máis de 35.000 quilómetros de vías.

Na súa intervención, o conselleiro do Medio Rural tamén puxo en valor o proceso participativo aberto coa Universidade de Vigo para redactar a nova Lei de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia e o novo Plan Forestal 2021-2040, co que se cumpren as recomendacións do Ditame da comisión forestal e que tamén se vai levar ao Parlamento. Este documento, que entrará en vigor no primeiro semestre do ano vindeiro, contempla arredor de 4.900 millóns de investimento no monte nos próximos 20 anos. Salientando que o documento aposta polo fomento e a xestión activa das masas de frondosas, pola boa gobernanza das comunidades de montes ou por arroxar os primeiros datos do inventario forestal continuo, engadiu que se incrementará case un 54% a partida destinada a aumentar a resiliencia e o valor medioambiental dos ecosistemas forestais, case un 43% a da silvicultura preventiva e un 27% a de sanidade forestal, cun montante global nestes tres apartados superior aos 16,5 millóns de euros.

No marco dos proxectos Next Generation, o conselleiro referiuse tamén á iniciativa de produción sustentable de fibras téxtiles a partir de residuos forestais, que contempla un orzamento de 1.000 millóns para crear un centro que impulse a biodiversidade pechando o círculo do aproveitamento da madeira na nosa comunidade.

José González tamén falou do pastoreo como medida preventiva para a anticipación aos incendios, cunha primeira fase a piques de rematar que comprende un investimento superior aos dous millóns para levar a cabo 14 pasteiros. En 2021 destinaranse a este fin outros dous millóns, para acadar unhas 2.000 ha de pastos.

Recuperación

Neste apartado, o titular de Medio Rural resaltou que en breve entrará no Parlamento a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Nese contexto, segundo apuntou, en 2021 destinaranse dous millóns de euros a seguir promovendo figuras de mobilización como as aldeas modelo e outros 1,4 millóns a elaborar os mapas de usos agroforestais. Tamén se promoverán as áreas cortalumes, un tipo de polígono agrogandeiro ou forestal que se localizará no territorio con criterios técnicos de prevención de incendios e do que xurdirán novos produtos que apoiará a Xunta mediante selos de calidade e orixe que garantan a súa procedencia.

Así mesmo, o conselleiro destacou que aumentará un 47% o orzamento para actuacións senlleiras e un 24% o destinado a procesos de reestruturación parcelaria, ata roldar os 18 millóns. Nesa dirección, sinalou que se traballa co obxectivo de que por cada parcelaria rematada, haxa unha nova decretada. Así, despois de que en 2020 se entregaran títulos en catro zonas, apuntou que outras oito están listas xa para a súa entrega e cinco máis están previstas para o primeiro trimestre de 2021.

José González tamén mencionou o Plan integral de reestruturación e optimización da rede de oficinas agrarias comarcais, dotado con tres millóns de euros para mellorar a presenza da Consellería do Medio Rural no territorio, impulsando servizos como a Oficina Agraria Móbil ou o matadoiro móbil, para desprazarse ás zonas de alta montaña e aquelas máis afastadas dos matadoiros convencionais.

Calidade

Neste eido, o conselleiro salientou que o orzamento da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) incrementarase un 35%, haberá un 40% máis para formación e o dobre que en 2020 para innovación. Nesa liña, crearase a Fundación de investigación agraria aplicada de Galicia para impulsar a I+D+i nos sectores agrario, gandeiro e forestal co obxectivo de mellorar produtos e procesos, así como a rendibilidade, a calidade e sustentabilidade ambiental das explotacións. Ademais, consignaranse dous millóns de euros para a mellora do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e outros catro millóns para o Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, que se situará en Boqueixón.

O titular de Medio Rural apuntou que aumentará case un 54% -ata superar os tres millóns- a partida para a implantación de pasteiros e case un 40% a de recuperación dos recursos autóctonos gandeiros en centros públicos. Ao tempo, sinalou que se investirán 1,45 millóns de euros na promoción dos produtos agroalimentarios e máis dun millón en axudas ás agrupacións de razas autóctonas, case un 6% máis que en 2020. Mentres, seguirase implementando a recentemente creada unidade mixta da castaña, co obxectivo de xerar planta adecuada para o desenvolvemento deste sector estratéxico.

Canto á sanidade, o conselleiro afirmou que se destinarán 8,6 millóns de euros a desenvolver distintos programas sanitarios encamiñados a manter afastadas as bruceloses bovina, ovina e cabrúa, así como a obter o estatus de rexión oficialmente indemne de tuberculose bovina. Mentres, consignaranse 4,25 millóns ao control das pragas que afectan a agricultura.

O conselleiro tivo unha mención especial para a Lei de calidade alimentaria que comezará a desenvolverse o vindeiro xaneiro e para os case 78 millóns contemplados no programa de modernización e diversificación do tecido produtivo rural, para nutrir -entre outras- as axudas aos plans de mellora e á incorporación de mozos ao agro. Na súa comparecencia, así mesmo, puxo de relevo o millón de euros destinado á creación de mercados singulares para prestixiar as producións agroalimentarias galegas e a promover que as empresas do sector se adhiran a plataformas de venda online. Mentres, para a transformación e a comercialización de produtos agrarios haberá máis de 18 millóns de euros, 3,9 millóns para apoiar o sector do viño e outra partida para o instrumento financeiro dirixido ás empresas agroalimentarias.

Por último, cómpre resaltar que o ano que vén haberá máis de 350.000 euros para implementar a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, coas súas medidas dirixidas á produción, á industria, aos mercados, á cadea de valor e á formación e innovación. Así mesmo, continuarán os traballos da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, e proximamente da da carne. Tamén proseguirá a elaboración do Plan estratéxico do sector agrogandeiro da comarca ourensá da Limia.
 

Imaxes relacionadas