O titular do Goberno galego, xunto ao conselleiro do Medio Rural, presidiu a toma de posesión do novo director xeral de Defensa do Monte

Manuel Rodríguez toma posesión como novo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Medio Rural, presidiu esta mañá a toma de posesión do novo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez.

Durante o acto, Feijóo agradeceu o labor de Tomás Fernández-Couto: “O seu compromiso, determinación e vocación neste 20 anos de traballo, acompañado sempre da operatividade e excelencia dos traballadores do sistema de extinción de lumes”, dixo, destacando tamén a traxectoria profesional do novo director xeral de Defensa do Monte.

Así mesmo, Feijóo recordou os novos retos do rural, referíndose, a modo de exemplo, á revisión do Plan Forestal para a Galicia do 2040; á aprobación da vindeira Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia; ou á presentación dos cinco proxectos para impulsar a industria forestal, no marco dos fondos Next Generation.

“En definitiva, temos moito traballo por facer, pero contamos con horizonte, cunha carta de navegación e coa ilusión de acadar as metas”, concluíu.

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo de relevo a valía do novo director xeral, con experiencia profesional no eido da anticipación aos incendios forestais. Así, sinalou que Manuel Rodríguez non só foi xefe territorial e director xeral en Medio Rural, senón que tamén liderou o equipo do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais que axudou nos lumes de Portugal en 2017.

O conselleiro tamén tivo palabras para o seu predecesor no cargo, Tomás Fernández-Couto, ao que cualificou como un dos maiores servidores públicos de Galicia, ao dedicar gran parte da súa carreira a combater a lacra dos incendios.

Pola súa banda, o novo responsable de Defensa do Monte agradeceu a confianza depositada nel e reafirmou o seu compromiso a prol do medio rural galego. Así, Manuel Rodríguez afirmou que redobrará esforzos tanto no eido da prevención como no da extinción dos lumes forestais.

Traxectoria profesional

Nado en Ferrol en 1967 e titulado en Enxeñería Técnica en explotacións agropecuarias pola Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Rodríguez foi director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) desde a súa creación no ano 2018 ata setembro deste ano.

Canto aos inicios da súa andaina profesional, comezou como técnico en distintos eidos do sector agrario, fundamentalmente vinculados ao campo da produción e o cultivo en viveiros. A continuación, tras ingresar na Administración galega como funcionario do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia na escala de enxeñeiros técnicos agrícolas, desempeñou desde 2001 o seu traballo na antiga Dirección Xeral de Infraestruturas e Estruturas Agrarias, na localidade de Santiago de Compostela como Enxeñeiro Técnico en Funcións Facultativas. Desde o ano 2004 ata o 2010, exerceu como xefe de sección C na mesma dirección xeral, pasando posteriormente ao Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias da Coruña como xefe de Sección de Concentración e Obras.

A principios do ano 2012, Manuel Rodríguez asumiu a xefatura do devandito Servizo provincial ata finais do 2015, ano no que pasou a desempeñar os labores propios do posto de xefe territorial da Consellería do Medio Rural da provincia da Coruña. Nesa etapa laboral, encargouse da coordinación do equipo do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais desprazado a Portugal en 2017, para colaborar nos traballos de extinción do lume rexistrado en Pedrógrão Grande.

Nos derradeiros dous anos exerceu o cargo de Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), responsable dos centros públicos de I+D+i e de formación agraria da Consellería do Medio Rural, así como dos produtos de calidade galegos.

Imaxes relacionadas