A Xunta anima a Arigal a seguir traballando a prol dunha minaría autóctona e sustentable

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá na clausura da Asemblea xeral extraordinaria da Asociación galega de áridos

Destacou o labor da entidade nos eidos da formación, a divulgación e a concienciación social

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2020

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, animou esta mañá aos integrantes da Asociación galega de áridos (Arigal) a seguir traballando a prol dunha minaría autóctona e sustentable durante o acto de clausura en liña da Asemblea extraordinaria que celebrou a entidade.

A directora agradeceu a súa dedicación a todos os membros de Arigal, unha asociación con máis de 20 anos de antigüidade e que aglutina ao 93% do sector na Comunidade.

Ademais trasladou aos asistentes a vontade da Xunta de seguir traballando de xeito conxunto coa entidade na recuperación do sector galego dos áridos mediante tramitacións máis áxiles e coordinadas en liña cunha minaría responsable. Neste sentido, trabállase para que Galicia poida contar nos primeiros meses de 2021 coa futura Lei de reactivación económica que suporá grandes avances en canto á simplificación administrativa.

Finalmente, destacou o labor de Arigal no eido formativo e divulgativo, así como mediante actuacións de concienciación social coas que a Xunta colaborou nos últimos anos.

Imaxes relacionadas