Medio Ambiente reserva nos orzamentos de 2021 preto de 7,5 millóns de euros para actuacións de mellora e dotación de equipamentos urbanos nos concellos galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que as contas do seu departamento reservan unha partida para financiar actuacións do Plan hUrbe e outra para a convocatoria dunha orde de axudas destinadas a crear ou mellorar as infraestruturas dos concellos con menos de 50.000 habitantes

Destaca que a actuación das Nogais é unha das máis de 300 que desde o ano 2010 se realizaron a cargo do Plan hUrbe, co que se mobilizaron case 149 millóns de euros
 

As Nogais (Lugo), 1 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que no vindeiro ano o departamento que dirixe destinará case 7,5 millóns de euros dos orzamentos dispoñibles para levar adiante actuacións nos concellos galegos, tanto para a mellora dos equipamentos municipais como para a humanización das contornas urbanas, como a executada no Concello das Nogais.

Ángeles Vázquez -acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz- supervisou esta mañá os traballos realizados en tres rúas do núcleo urbano das Nogais, unha zona moi importante pois centraliza a vida económica, social e cultural, xa que neste punto se inscriben varios servizos, como o centro de saúde, o centro sociocultural, a piscina e o polideportivo, así como un centro de educación infantil.

Destacou que a actuación das Nogais é unha das máis de 300 actuacións que se realizaron ao amparo do Plan hUrbe nesta década e que implicaron desde a súa posta en marcha -no ano 2010- a mobilización de case 149 millóns de euros.

Segundo manifestou Vázquez Mejuto, a pretensión do Goberno galego é continuar co traballo realizado ata o de agora; polo que no vindeiro ano se reservará unha parte para financiar actuacións do Plan hUrbe e outra para a convocatoria dunha orde de axudas destinadas a crear ou mellorar as infraestruturas dos concellos galegos con menos de 50.000 habitantes.

Recordou que ambas iniciativas teñen por finalidade promover a recuperación e o coidado do xa construído, a renovación das infraestruturas que contribúen, como no caso das Nogais, a mellorar a calidade de vida da veciñanza con novos servizos, ofrecendo maiores prestacións e dando resposta ás súas necesidades.

Mellorar a accesibilidade no núcleo urbano das Nogais

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que no Concello das Nogais executouse unha obra de humanización e mellora de varias rúas do núcleo urbano, a estrada de Santo André, a Rúa Lembranza e o Camiño das Cortiñas. Trátase dunha zona moi frecuentada polos veciños, porque se atopa o centro médico, unha instalación educativa, o centro sociocultural e a piscina e o polideportivo, ademais das oficinas municipais e varios establecementos comerciais.

Antes da actuación, cun importe de máis de 120.000 euros dos que a Xunta cofinanciou un 80%, non se dispuña de beirarrúas ou de accesos adaptados, o que tamén supuña un problema de seguridade para os veciños.

Tras a intervención realizada, e rematada este mesmo verán, os veciños poden transitar pola rúa dun xeito seguro, revitalizouse a vida social da zona e púxose en valor a zona, grazas a esta actuación de humanización e mellora, coa que se suprimiron barreiras arquitectónicas.
 

Imaxes relacionadas