O Sergas comeza un cribado preventivo con PCR a alumnado de primeiro e segundo de bacharelato de diversos centros educativos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

En coordinación coas Consellerías de Sanidade e de Educación, Cultura e Universidade, cribará a 2.700 alumnos de IES de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove ata o vindeiro 11 de decembro

A previsión asistencial da Área Sanitaria contempla que, en caso de precisarse epidemiolóxicamente, a mediados de decembro esta iniciativa estenderíase a outros 800 alumnos de centros educativos de Vilagarcía de Arousa e e naquelas localidades nas que a situación así o requirise

O Salnés (Pontevedra), martes 1 de decembro de 2020

O Sergas comeza hoxe e ata mediados de mes un cribado preventivo con PCR a preto de 2.700 alumnos de primeiro e segundo curso de Bacharelato de diversos centros educativos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove. Esta iniciativa -que se efectuará en coordinación coas Consellerías de Sanidade e de Educación, Cultura e Universidade- desenvolverase ata o vindeiro 11 de decembro, no que diversos IES recibirán a visita de persoal da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para tomar mostras PCR a este alumnado, que posteriormente se procesarán no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Dada a situación epidemiolóxica da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés -cunha alta incidencia de casos en varios concellos e unha porcentaxe elevada de PCR positivas- considerouse de interese preventivo realizar cribados poboacionais a colectivos con rangos de idade que presentan incidencia acumulada elevada. A finalidade destes cribados é detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios.

Colaboración voluntaria dos centros educativos co Sergas

Dado que un dos grupos de idade mais afectado son xóvenes de idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos, o Sergas pediu a centros educativos da Área Sanitaria a súa colaboración voluntaria para facer un cribado en diversos Institutos de Educación Secundaria. A previsión para a toma de mostras en centros de Pontevedra estenderáse entre os días 1 a 4 de decembro, en xornadas de mañá e tarde, nos IES A Xunqueira I e II, IES Sánchez Cantón, Luis Seoane, IES Frei Martin Sarmiento, Valle Inclán, IES Torrente Ballester, Sagrado Corazón e Los Sauces, para un colectivo diana de preto dos 1.650 alumnos.

Xa entre o 9 e o 11 de decembro, o cribado preventivo con PCR continuaría con alumnado de Institutos de Educación Secundaria de Marin, Sanxenxo, Cambados, O Grove e Poio, para un colectivo diana doutros 1.050 alumnos destes concellos. A previsión asistencial da Área Sanitaria contempla que, en caso de precisarse epidemiolóxicamente, a mediados de decembro esta iniciativa estenderíase a outros 800 alumnos de centros educativos de Vilagarcía de Arousa e naquelas localidades nas que a situación así o requirise.

Imaxes relacionadas