Trenor destaca ante a directiva do novo Cub de Empresarios e Executivos de Galicia o apoio da Xunta ao sector productivo co maior orzamento da historia de Galicia para o 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo un encontro cos responsables desta nova entidade que naceu na Coruña e conta xa con 200 asociados

O representante do Goberno autonómico informou da activación das tres liñas de axudas do Plan de Rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hotalería

A Coruña, 1 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro co presidente do Club de Empresarios e Executivos de Galicia (CEEG), Mario Barcenilla.

Trenor puxo en valor o gran esforzo realizado por este novo equipo que conta xa con 200 profesionais asociados e que nace co obxectivo de ser un lugar de encontro para levar a cabo intercambios de experiencias profesionais e atopar liñas de colaboración conxunta. Neste senso, o delegado da Xunta destacou que nestes momentos de grandes dificultades este tipo de iniciativas son un exemplo a seguir porque “a unión é a mellor fórmula para a atopas vías de crecemento e progreso”.

Durante o encontro o representante do Goberno autonómico aproveitou a reunión para informarlles dos proxectos que a Xunta está a desenvolver no camiño da reactivación económica e explicou algunhas das liñas estratéxicas do novo orzamento de 11.563 millóns de euros -o maior da historia de Galicia- e informou da activación das liñas de axuda -dotadas con 84 millóns de euros - para axudar a persoas autónomas con ou sen persoal a cargo, microempresas e autónomos con persoal contratado e ao sector da hostalaría. A primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, se abriu hai dúas semanas e xa ten solicitudes con máis de 20M€ comprometidos.

Con respecto ás dúas liñas de axudas que se activaron o venres pasado, precisou que, no caso das dirixidas a microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, os beneficiarios de calquera sector poderán optar a apoios de 4.000 euros, mentres que os beneficiarios de sectores especialmente paralizados e as pemes, tamén de sectores especialmente paralizados recibirán 5.000 euros. Terán que acreditar, dixo, ter ou ter tido autorizado un ERTE con anterioridade, unha baixada de facturación de polo menos o 45% con respecto ao ano anterior e comprometerse a manter o emprego durante 6 meses desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, a liña de axudas destinada especificamente ao sector da hostalería, que está dotada de 17 M€, concederá a cada un dos establecementos que cumpran cos requisitos 1.500 euros por cada mes de peche e 2.000 euros ao mes no caso de que se trate de empresas con 10 ou máis traballadores.

Sobre este último punto, explicou que estas axudas son acumulables entre si, ao tempo que engadiu que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías poderán oscilar entre os 6.700 e os 9.200 euros.

En relación coa tramitación das axudas, un dos temas que máis preocupa aos posibles beneficiarios, informou que se deseñou en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable coa previsión de que a maioría das contías cheguen aos destinatarios no mes de decembro.

Finalmente, concluíu lembrando que o plan de rescate a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos de hostalería.

Imaxes relacionadas