Luisa Piñeiro destaca a aposta transversal de promoción da Xunta para as rutas Xacobeas de Santiago na súa visita á exposición 'Facer Camiño'

Pontevedra, 30 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou na xornada de hoxe a exposición Facer Camiño na Casa das Campás da capital provincial e destacou a aposta transversal do executivo galego para a promoción das rutas xacobeas de Santiago de Compostela.

“Esta mostra, que está a percorrer todas as cidades galegas, é unha acción máis das centos de emprendidas pola Xunta para poñer en valor a riqueza cultural, relixiosa, turística e patrimonial do Camiño de Santiago de cara ao Xacobeo 2021, que vai ser unha cita decisiva para Galicia e coa que nos estamos a volcar pola súa importancia”, sinalou a representante autonómica no seu percorrido.

Esta mostra, impulsada pola Consellería de Educación, Cultura e Universidade e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), concíbese como una peregrinación artística na que doce prestixiosos artistas galegos asocian as súas creacións, desde diferentes perspectivas, medios expresivos e estilos, co Camiño de Santiago.

Está composta por 23 pezas, entre pinturas, esculturas e fotografías, de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado baixo o comisariado de Asunta Rodríguez.

Imaxes relacionadas