O presuposto da Consellería de Sanidade para o vindeiro ano supera os 4.500 millóns de euros, acadando un novo fito no investimento sanitario

Representa un incremento do 11,6% respecto ao ano 2020

Sanidade xestionará o 40% do total do gasto que a Xunta prevé desenvolver ao longo do vindeiro ano, o que da unha idea do nivel de prioridade que este servizo público supón para a Xunta de Galicia

O gasto en persoal increméntase en 154 millóns, o que supón un 8,5% máis

Duplícanse os fondos para investimentos, pasando dos 175 millóns a máis de 350

En atención primaria, os investimentos recollen un incremento do 108%

O conselleiro tivo unha especial mención para os hospitais comarcais, e estes orzamentos amosan unha clara aposta por potencialos

García Comesaña referiu, así mesmo, unha partida de 60 millóns de euros para renovar o equipamento sanitario

Auméntase, en 1,5 millóns de euros, o gasto destinado a programas de cribado

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe, na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para presentar os presupostos do seu departamento para o vindeiro ano, que acadan a cifra de 4.587 millóns de euros, chegando, por tanto, a un novo fito no investimento sanitario. Este orzamento da Xunta de Galicia supón un total de 478 millóns de euros máis para Sanidade, o que representa un incremento do 11,6% respecto a 2020.

Tal e como destacou o conselleiro, o seu departamento xestionará o 40% do total do gasto que a Xunta prevé desenvolver ao longo do vindeiro ano, o que da unha idea do nivel de prioridade que este servizo público supón para a Xunta de Galicia.

O gasto en persoal increméntase en 154 millóns, o que supón un 8,5% máis. Este incremento é consecuencia da creación de prazas para os plans de Atención Primaria, de Hospitalización a Domicilio, e de Saúde Mental; así como para o desenvolvemento da carreira profesional, e para un fondo de continxencia, dotado con 115 millóns de euros, co obxecto de financiar as necesidades de persoal que a pandemia require no sistema sanitario.

O titular de Sanidade destacou que o incremento de persoal de atención hospitalaria é dun 7,9%, pero o de primaria aumenta case un 11%, o cal da boa conta das prioridades dentro do reforzo dos recursos humanos.

Tamén destacou o conselleiro unha ampliación dun 40% no apartado de bens correntes e servizos, o que supón 45 millóns de euros máis no concepto doutro material sanitario dos programas de primaria e hospitalaria, que se corresponde cos necesarios EPIs para afrontar a covid; e outros 18 millóns de euros máis para as partidas de material de laboratorio.

Renovación integral do Sergas

O apartado dedicado aos concertos coas entidades privadas para tratamentos e intervencións cirúrxicas mantense conxelado. O gasto do Sergas en asistencia con medios alleos seguirá por baixo do 5% do seu gasto total, situándose este ano no 4,84%, e lonxe do 6% que chegou a alcanzar no 2008. O que sí aumenta, en 10 millóns de euros, é a partida destinada ao transporte sanitario non urxente.

A partida que financia as unidades de apoio comunitario correspondentes ao Plan de Saúde Mental medran 467.000 euros respecto do ano anterior, e chega aos 6,6 millóns. Ademais, outros 4,7 millóns destinaranse aos concellos galegos para abordar a problemática causada polas drogas na súa dobre vertente, a prevención e o tratamento.

Os apartados dedicados a investimentos duplícanse, pasando dos 175 millóns aos máis de 350. Con estes orzamentos comézase pois, -remarcou García Comesaña-, o compromiso da Xunta dunha renovación integral do Servizo Galego de Saúde.

En atención hospitalaria, renovarase a súa infraestrutura e os investimentos neste apartado incrementaranse un 130%, pasando de 90 a 207 millóns. Así, destinaranse 24 millóns para continuar coa obra do plan director do Hospital de Ferrol; 19,3 millóns para o novo Chuac; 13,5 para o Gran Montecelo; 10 para o Hospital de Santiago; 9 para continuar co plan director do Hospital de Ourense; 5,5 para o Hospital do Meixoeiro; e 2,7 para o Hospital Álvaro Cunqueiro.

O conselleiro tivo unha especial mención para os hospitais comarcais, e estes orzamentos amosan unha clara aposta por potencialos, cun investimento global superior aos 6 milllóns de euros.

En atención primaria, os investimentos recollen un incremento do 108%, pasando de 26 a case 55 millóns. Entre estes están, 9,2 millóns para o comezo da obra do CIS de Lalín; 5,9 para a continuación das obras do CIS do barrio da Residencia en Lugo; 2,5 para un novo CIS en Ourense; un millón para rematar o centro de saúde de Bouzas, e outro millón para iniciar o CIS Olimpia Valencia, tamén en Vigo. Igualmente, están previstas actuacións para rematar os centros de saúde de Narón, Melide, O Saviñao, para ampliar o de Porriño, para a contratación dun novo centro en Moaña; para un novo centro en Antas de Ulla, e outro en A Rúa.
Así mesmo, resérvase unha partida orzamentaria de 1,1 millóns de euros para a redacción dos proxectos de novos centros de saúde que están pendentes dos pasos dos respectivos concellos. Polo tanto, proxectos de centros de saúde como o de Santa Lucía, na Coruña, ou os de Cangas, Caldas ou Poio, ademais doutras vilas, contan con fondos dispostos para poñerse en marcha en canto existan acordos firmes sobre os terreos a ceder por parte dos concellos.

Tamén se contemplan reformas, por valor de 3,9 millóns de euros, en centros de saúde como o de Conxo, en Santiago; Bertamiráns; Ribadavia; San Roque, en Vilargarcía; Ortigueira; Arnoia; e Ribeira. Esta partida inclúe, igualmente, 1,2 millóns para novas reformas que se vaian formulando.

Tamén existen partidas globais para adaptacións prioritarias nos centros de saúde como os 20 millóns de euros reservados para as adaptacións funcionais necesarias para reformas relacionadas co tratamento da covid (creación de circuítos, salas separadas ou ventilación) e os 3,2 millóns destinados a actuacións de climatización en diversos centros.

García Comesaña referiu, así mesmo, un partida de 60 millóns de euros para renovar o equipamento sanitario, dos que 28,9 millóns irán destinados a un programa integral de actualización do equipamento dos bloques cirúrxicos dos hospitais públicos; e 28,6 irán á renovación tecnolóxica nos equipos de alta tecnoloxía para o diagnóstico (Resonancias, PET, TAC, ecografía, etc.).

Por outra banda, máis de 18 millóns de euros irán destinados a renovar a infraestrutura informática do Sergas, coa actualización do hardware que sustenta os sistemas que están a permitir xa melloras asistenciais como a imaxe dixital ou a receita electrónica, e que servirán proximamente para habilitar o teletraballo ou as videoconsultas.

Máis investimento para os programas de cribado

En materia de saúde pública, o investimento crece un 36%, o que supón 8 millóns máis, ata chegar aos 30 en total. Nesta suba, auméntase en 1,5 millóns de euros o orzamento destinado a programas de cribado, renovando os equipos para a detección da xordeira neonatal así como os mamógrafos para o cribado de cancro de mama, e incorporando equipamento para desenvolver o novo programa de cribado de cancro de cérvix. Tamén medra en 800.000 euros, ata superar o millón, o investimento destinado á promoción de estilos de vida saudables.

Destacar, así mesmo, o incremento cunha nova partida de 660.000 euros, para o laboratorio de saúde pública, destinado a nova maquinaria de procesamento de PCRs. En total, este laboratorio contará cun investimento de preto de 1,5 millóns.

A prioridade en investigación sanitaria tamén queda reflectida nos orzamentos, posto que medra un 20%. Tamén medra, nun 13%, o orzamento da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Outros investimentos relacionados coa investigación e destacados polo conselleiro son, o incremento do 32%, ata chegar aos 4,5 millóns de euros, que o Sergas destina á Fundación Galega de Medicina Xenómica, institución centrada na investigación e no diagnóstico; ou os 3 millóns destinados a desenvolver, dende o sistema público de Galicia, un centro de terapia CAR-T, que facilite a posibilidade de acceder na nosa terra, -dixo o conselleiro-, a esta terapia celular avanzada.

Tamén se incrementa o orzamento da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que medra un 8% ata chegar aos 27,4 millóns; e que permitirá incrementar o parque móbil de unidades de doazón de sangue; e o 061, que medra un 13%, o que supón máis de 7,6 millóns de euros de subida ata acadar un total de 66,3 millóns, o que posibilitará a este organismo seguir a implementar melloras tecnolóxicas nos seus vehículos de soporte vital avanzado.

Imaxes relacionadas