O Sergas contará en decembro con 150 novos contratos de persoal de enfermería por un periodo dun ano

Trátase de nomeamentos de emerxencia sanitaria de continuidade, co obxectivo de sumar máis medios á asistencia durante a pandemia

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Comisión de seguimento do acordo do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

A Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE asinaron no ano 2019 un acordo sobre a formalización de nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade, inicialmente previsto para contratos de médico/a de familia e pediatras de atención primaria e ampliado a enfermería.

Grazas a este nomeamento se teñen vinculado 122 profesionais médicos/as e enfermería para atención primaria, garantindo unha estabilidade de 3 anos. De entre os nomeamentos de médicos de familia por continuidade, 4 delas proceden de Portugal, para estes vínculos na área de Vigo.

Nomeamento de emerxencia sanitaria

A crise sanitaria provocou un incremento de actividade nas institucións sanitarias, actividade que flutúa en función do número de urxencias, ingresos e da atención a pacientes críticos; esta circunstancia, unida á ausencia de profesionais dispoñibles nas listas de selección temporal de enfermaría, puxo de manifesto a utilidade deste nomeamento, que permite atender tanto a necesidades de reforzo e emerxencias provocadas pola COVID-19 como a cobertura das ausencias de persoal. Así, e coa finalidade de garantir a continuidade na asistencia sanitaria durante a pandemia, a Comisión ten acordado a realización de nomeamentos de emerxencia sanitaria de continuidade na categoría de enfermeira/o cunha duración dun ano. Este acordo permitirá formalizar nas distintas Xerencias do Sergas con carácter inmediato, no mes de decembro, 150 contratos de enfermeira/o dun ano de duración. Estes contratos,sumados aos 600 enfermeiras/os a vincular por emerxencia sanitaria no mes de decembro, suporá unha importante incorporación de persoal de enfermería para facer fronte a actual crise sanitaria.

Con estes novos nomeamentos achegaríase a 272 vínculos de continuidade con baseamento no Acordo acadado

Tras a implantación deste nomeamento no ámbito hospitalario, se as circunstancias o requirisen, valorarase a súa aplicación no ámbito de atención primaria.

O persoal vinculado con estes contratos gozará dos mesmos dereitos e obrigas que o restante persoal do Sergas, en particular do mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións. Como mellora do establecido inicialmente (60%), acordouse que este persoal terá fixado mensualmente un mínimo do 80% da carteleira, e procurarase chegar ao 100% de xeito que os traballadores coñezan de modo anticipado o lugar de prestación de servizos.

Este tipo de nomeamento mellora o sistema actual de vinculacións temporais das e dos traballadoras/os do Servizo Galego de Saúde. En lugar de acudir puntualmente a contratos eventuais ou substitucións de xeito illado, centro a centro, ou praza a praza, esta nova modalidade contractual permitirá racionalizar a contratación, cubrindo de xeito acumulado as necesidades asistenciais que se produzan nun ámbito determinado.

Este nomeamento ven a completar as 17 medidas acordadas en mesa sectorial como Plan de Continxencia de Recursos Humanos COVID 19 que será publicado nestes días e que permitirá a contratación de 1261 efectivos das listas de contratación.

Técnico superior en documentación sanitaria no concurso de traslados

O DOG tamén publica hoxe a resolución da convocatoria do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de técnico superior en documentación sanitaria.

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual.

A solicitude de participación deberá efectuarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/Expedient-e/Sección de Procesos), en calquera momento, sen suxeición a prazo, dende o día seguinte a publicación da convocatoria no DOG. Neste ciclo anual de adxudicación, incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides ata o 15 de xaneiro de 2021.

A oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación de 2021 farase pública no primeiro trimestre do próximo ano. Habilitouse o buzón concurso.traslados@sergas.es para a resolución de dúbidas que poidan xurdir neste procedemento.