A conselleira do Mar acompañada pola presidenta de Portos visitou o porto de Noia

A reforma de pantaláns e fingers no peirao noiés de testal beneficiará a máis de 260 embarcacións pesqueiras

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, licita esta actuación por un orzamento de 450.000 euros

Os traballos incluirán a renovación integral de pavimentos, dotación de servizos básicos e sistema de apertura de portas co teléfono móbil

A presentación de ofertas rematou recentemente con 10 propostas e unha vez finalice a contratación o prazo para a execución da obra é de catro meses
 

Noia (A Coruña), 30 de novembro de 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten aberto o proceso de licitación para a contratación das obras de reforma e mellora das instalacións aboiantes do porto de Testal, no municipio coruñés de Noia, unha actuación que beneficiará ás máis de 260 embarcacións pesqueiras que utilizan estas instalacións. Así o trasladou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, nunha visita ao peirao noiés na que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

A titular de Mar explicou que en concreto estas melloras se realizarán en pantaláns, fingers e pasarelas e que estes futuros traballos saen a licitación cun orzamento de 450.000 euros. A obra incluirá, entre outras actuacións, a renovación integral do pavimento do pantalán substituíndo o actual por madeira tecnolóxica e tamén se habilitarán os servizos básicos de alumeado e subministro de auga e sanearanse e pintaranse os pilotes.

Ademais o proxecto de mellora das instalacións aboiantes inclúe a instalación dun sistema electrónico de control de acceso aos pantaláns para reforzar a seguridade da frota. Con este sistema a apertura e peche destas portas controlarase por parte dos usuarios a través dos seus teléfonos móbiles. Finalmente, tamén para reforzar a seguridade das instalacións, balizarase a punta da liña de pantalán.

En canto aos prazos, a conselleira sinalou que estas obras, contan cun prazo de execución previsto de catro meses desde a súa contratación e especificou que rematou recentemente a presentación de ofertas con 10 propostas presentadas.

Estas melloras, subliñou Rosa Quintana, darán resposta ás necesidades do sector profesional trasladadas pola confraría de pescadores da localidade e o Concello de Noia e mellorará as condicións de traballo das mulleres e homes do mar. De aí, engadiu, a súa importancia fundamental para seguir xerando vida nas instalacións portuarias e facer a actividade marítimo-pesqueira máis competitiva.

Ademais con este tipo de actuacións a Xunta busca facer as zonas costeiras máis atractivas tanto para os veciños como para os visitantes, un obxectivo que concorda con outras accións realizadas polo Executivo autonómico na zona como a do acondicionamento e mellora da lonxa de Testal por un orzamento de máis de 560.000 euros e que consistiron na mellora do pavimento interior da sala de poxas, nas cubertas e nos canlóns e baixantes. Tamén se realizaron traballos de mellora da eficiencia enerxética, do alumeado interior e do portal de acceso e creouse unha zona para visitantes.
 

Imaxes relacionadas