A Xunta dota dunha marquesiña a estrada LU-651 en Folgoso do Courel para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a nova infraestrutura está situada na capitalidade do concello, fronte á casa consistorial

Folgoso do Courel (Lugo), 29 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dotou dunha marquesiña a estrada LU-651 (Quiroga-Seoane do Courel) no municipio de Folgoso do Courel para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a alcaldesa do Courel, Lola Castro, visitaron a nova infraestrutura, que está situada na capitalidade municipal, fronte á casa consistorial de Folgoso.

A súa instalación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público impulsado pola Xunta, que incorpora marquesiñas elaboradas con madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.

O plan inclúe 180 novas marquesiñas instaladas en toda Galicia, o que harmonizará esteticamente este recurso e incrementará a súa funcionalidade, dado que para a elección do deseño tivéronse en conta factores como a transparencia, amplitude, posibilidade de adaptación ou a resistencia. Cumpren as normativas vixentes de prevención de incendios, resistencia de materiais ao lume, actos vandálicos e seguridade viaria.

Imaxes relacionadas