A Xunta e o Concello de Boimorto colaboran para mellorar a xestión e a ordenación dos solos agropecuarios e forestais do municipio

A alcaldesa trasladou ao conselleiro do Medio Rural o seu interese por coordinar o Plan Xeral de Ordenación Municipal co futuro catálogo de solos agropecuarios e forestais que creará a Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio coruñés relacionadas co agro. No encontro tamén participaron os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

A rexedora interesouse polo contido e alcance da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que en breve iniciará a súa tramitación parlamentaria. En concreto, explicóuselle o catálogo de solos agropecuarios e forestais que se creará ao abeiro desta norma e que servirá para a ordenación e xestión do desenvolvemento dos usos dos chans sobre o territorio.

Neste sentido, a alcaldesa amosouse disposta a traballar para coordinar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) con este novo instrumento de planificación, que clasificará os terreos agroforestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial.

Por outra banda, o encontro serviu tamén para analizar a situación actual e as perspectivas de futuro do sector gandeiro en Boimorto, tendo en conta a importancia que este eido produtivo ten na economía local. Neste sentido, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias avanzou á rexedora a posibilidade de desprazarse proximamente a este municipio para manter un encontro con gandeiros da zona.

Imaxes relacionadas