A Xunta reforzará en 2021 o seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural cun 19% máis de orzamento

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou hoxe a Igrexa de Ventosa en Agolada e a de San Xoán de Portomarín na recta final da súa rehabilitación

Referiuse ao reforzo inversor do Goberno autonómico para o próximo ano, que permitirá ampliar o traballo que se está desenvolvendo en toda Galicia

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe o reforzo inversor que o Goberno autonómico levará a cabo en 2021 no ámbito da conservación do patrimonio grazas a unhas contas, dixo, “valentes e comprometidas coa cultura” nas que se incrementará un 19% o investimento específico en rehabilitación do patrimonio. Así o manifestou durante as visitas que realizou hoxe a diferentes bens que encaran a súa recta final de rehabilitación.

Como explicou, o compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio é firme e decidido, como así se reflicte nestes orzamentos cos que o Goberno autonómico ampliará o traballo que se vén realizando en patrimonio en toda Galicia nos últimos anos. Neste sentido, referiuse a algunhas das últimas actuacións levadas a cabo polo seu departamento como os traballos na igrexa de Ventosa, en Agolada, e a de San Xoán de Portomarín, en Lugo que hoxe visitou.

No caso de Agolada, a conservación e restauración impulsada pola Xunta permitiu poñer en valor a Catedral rural de Galicia, como así a denominou Filgueira Valverde. Actuouse sobre a fachada, as cubertas e a carpintería, e mellorouse o drenaxe para reparar os danos e evitar que aparezan novas humidades. Limpáronse as tellas e saneouse a zona co fin de introducir unha lámina de zinc que impermeabilice a cuberta. Ademais de solucionar os problemas de humidade, tamén se garantiron unhas condicións climáticas estables para unha adecuada conservación tanto do templo como da importante colección de esculturas medievais, murais e elementos decorativos que alberga esta igrexa.

O titular de Cultura da Xunta visitou tamén a igrexa de San Xoán de Portomarín, en Lugo, onde o Goberno autonómico inviste preto de 250.000 euros nuns traballos que se estima que estean rematados en decembro para garantir que este templo, un dos máis recoñecidos do Camiño Francés, estea en perfectas condicións de cara ao Ano Santo.

A intervención, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, resolveu diferentes problemas provocados pola filtración de humidades. Tamén se traballou na mellora da imaxe do monumento, coa limpeza da fachada, a restauración das portadas escultóricas e da vidrería do rosetón principal, a mellora da iluminación e a ocultación da instalación eléctrica, entre outras.

Imaxes relacionadas