Responsables da xestión do monte no Goberno Portugués fórmanse en Galicia no emprego do Helimulching de cara a evitar a erosión do solo tras os incendios forestais

Os técnicos portugueses estiveron na parroquia de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, acompañados de investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Tras ver os traballos de recuperación levados a cabo en máis de 80 hectáreas, puxeron de relevo o esforzo e implicación da Xunta para a rexeneración do solo tras os lumes, planificando as zonas de actuación en función da súa afectación

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2020

Técnicos do Departamento Regional de Gestão e Valorização da Floresta do Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas de Portugal desprazáronse a Galicia para formarse no emprego da técnica do helimulching para contribuír a evitar a erosión do solo tras os incendios forestais. En concreto, visitaron cun grupo de investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán a parroquia de Río Caldo, no concello ourensán de Lobios, para ver os traballos de recuperación levados a cabo en máis de 80 hectáreas.

Na xornada formativa, os responsables da xestión do monte do goberno portugués destacaron a importancia do protocolo de actuación promovido pola Xunta para rexenerar de forma operativa os terreos afectados polos lumes, así como a implicación do persoal encargado de desenvolver estas tarefas. Tamén se analizaron os criterios de selección das áreas a tratar en función do dano na vexetación e no solo, por seren prioritarios para programar e orzamentar de xeito axeitado as actuacións necesarias.

Cómpre lembrar que o Goberno galego está a executar traballos de recuperación para paliar as consecuencias dos incendios de setembro no municipio ourensán de Lobios, pero tamén nos de Verín, Monterrei, Cualedro, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Manzaneda. En total, estase a actuar en máis de 200 hectáreas de terreo, creando unha cuberta protectora do solo con materiais como a palla de cereais, co fin de evitar a escorrentía superficial e a erosión. Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente, como é o caso de Lobios, e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé, sempre baixo as directrices dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Por último, cabe salientar que a Xunta está a desenvolver estas tarefas novidosas de rexeneración dende o ano 2010, servindo de referente para outras rexións españolas e mesmo europeas, como é o caso da portuguesa. Así, durante a visita dos representantes lusos a Ourense tamén se trataron os aspectos loxísticos a ter en conta na implementación deste tipo de labores, así como os bos resultados obtidos en anos pasados.

Tras este encontro entre técnicos portugueses e galegos, o obxectivo é continuar coa colaboración e o intercambio de experiencias para mellorar a xestión e a conservación dos montes.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural