O presidente da Xunta participou esta tarde no Foro estratéxico Talentia Summit 2020

Feijóo destaca o apoio da Xunta á dixitalización coa activación de axudas por importe de 31 M€ desde o inicio da pandemia

Traslada o obxectivo de que o Goberno galego aprobe este mes a súa Estratexia de dixitalización ata o ano 2030

Precisa que os Orzamentos da Xunta para 2021 dedican á dixitalización da administración pública 45 millóns de euros

Incide en que todo o que significa talento, innovación e dixitalización é a base do emprego, “e o emprego é a base dunha sociedade do benestar”

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aposta da Xunta pola dixitalización coa activación de axudas por un importe de 31 millóns de euros desde o inicio da pandemia. Un fondo, dixo, que inicialmente era de 28 M€ e que foi ampliado en outubro debido ao éxito dalgunhas das medidas.

Durante a súa participación no Foro estratéxico Talentia Summit 2020, enumerou algunhas das liñas que contempla este plan de axudas como: o Cheque Dixital, o Galicia Exporta Dixital, a Dixitalización de pemes e Dixitalización de sectores 4.0 ou o Comercio Electrónico. A este respecto, o titular do Goberno galego asegurou que no mundo post-pandemia a innovación, a dixitalización e o talento serán as chaves “que nos abran as portas do futuro”.

Feijóo salientou que se ben a covid freou o desenvolvemento de moitas empresas e emprendedores, a Xunta seguirá apoiando as súas iniciativas. E, nese sentido, lembrou que o Goberno galego está centrado en reter o talento a través de distintos plans que se axustan ás novas necesidades das empresas e aos novos perfís de traballadores.

“O que temos que facer os gobernos é ser útiles e, polo tanto, apoiar o talento onde se dea: nunha facultade, nun instituto, nunha empresa, nunha explotación gandeira, nunha peme... porque o talento define a un país e a unha terra”, abundou, referíndose, a modo de exemplo, ao plan Profesionais 4.0, posto en marcha para impulsar a especialización e o acceso ao mercado laboral dos mozos con titulación universitaria ou cun ciclo superior de FP; ao Programa Principia, con axudas de 10.000 euros para a contratación de mozos cualificados para actividades de I+D+i; ou aos programas Talento 2021 e Talento Sénior.

Na mesma liña, fixo referencia á aprobación no Consello da Xunta de onte dunha incubadora de proxectos para buscar fármacos contra o cancro, que permitirá mobilizar 30 M€.

“Non quero caer no triunfalismo, pero si nun optimismo racional”, dixo, trasladando o obxectivo de que o Goberno galego aprobe este mes a súa Estratexia de dixitalización ata o ano 2030. “E, o primeiro que fixemos nestes Orzamentos para 2021 é dedicar á dixitalización da administración pública 45 millóns de euros”, precisou, incidindo en que todo o que significa talento, innovación e dixitalización é a base do emprego, “e o emprego é a base dunha sociedade do benestar”.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta