O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado, compareceu hoxe na Comisión parlamentaria de reactivación económica, social e cultural de Galicia

A Xunta realizará en colaboración coa cátedra de epidemioloxía da Universidade de Santiago de Compostela un estudo sobre o comportamento da covid nas residencias

O obxectivo principal desta análise é continuar a mellorar a atención aos usuarios e para que os centros estean máis preparados ante calquera incidencia

O responsable autonómico avogou por un novo modelo residencial centrado na formación e a innovación permanentes, así como por unha maior relación entre as residencias e a atención primaria e hospitalaria

Destacou que Galicia é a única comunidade en España que fará un cribado semanal nas residencias, ademais de ser pioneira na implantación dun sistema de detección do virus a través da análise das augas residuais e na posta en marcha de centros integrados

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo Prado, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia realizará, en colaboración coa cátedra de epidemioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, un estudo sobre o comportamento da covid-19 nos centros residenciais da comunidade, co fin de seguir a mellorar a calidade da atención aos usuarios e para que os centros estean máis preparados ante calquera incidencia. Díxoo no Parlamento de Galicia, no marco da Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19.

Antón Acevedo aproveitou a súa comparecencia para expoñer os piares básicos nos que se deberá asentar o novo modelo residencial no que xa está a traballar o Executivo autonómico. Estes son: a modificación da normativa; o aproveitamento das novas tecnoloxías e a maior integración das residencias coa atención médica primaria e a hospitalaria; así como a investigación, a innovación e a formación continuadas.

Ademais, indicou que o obxectivo desta nova proposta residencial é “responder ás necesidades dos novos tempos” e engadiu que nela participarán todos os sectores implicados, xa que a intención é que acade o maior consenso posible.

Tormenta epidemiolóxica perfecta

Por outra banda, o director xeral defendeu a actuación da Xunta de Galicia nos centros residenciais ante o que definiu como “unha tormenta epidemiolóxica perfecta”, xa que é un virus altamente infeccioso, carécense de defensas naturais ou inducidas, e non hai tratamentos específicos. A estes factores sumou o feito de que os centros sociosanitarios son considerados de alto risco porque os seus usuarios son poboación especialmente vulnerable, neles hai un contacto estreito e prolongado, e son espazos pechados.

Antón Acevedo destacou que as residencias galegas contaron desde o primeiro momento con protocolos de prevención, que se actualizan de maneira constante; e que, na actualidade, en todas elas se manteñen as visitas de familias para garantir o benestar emocional dos maiores e evitar situacións de illamento non desexadas, salvo naqueles casos nos que exista un elevado número de contaxios que as desaconsellen. Ao respecto, lembrou que as familias poden consultar en que situación están as residencias en cada un dos concellos grazas a un mapa accesible desde a páxina web da Consellería de Política Social.

Tamén informou de que a Xunta distribúe semanalmente material de protección a todos os centros de atención residencial e que desde o pasado mes de marzo ata hoxe se entregaron luvas, máscaras cirúrxicas, batas, solución hidroalcólica ou calzas, entre outros utensilios, por importe de máis de oito millóns de euros.

Cribados semanais

O responsable do departamento de Atención Integral Sociosanitaria subliñou, así mesmo, que Galicia é a única comunidade que fará un cribado semanal a todos os traballadores dos centros, así como tamén a 5000 usuarios, co fin de identificar canto antes a existencia dalgún contaxio. Ademais, realízanse PCR a todos os profesionais de maneira previa a súa incorporación ao posto de traballo despois de permisos e aos de nova incorporación, así como a todos os residentes antes do seu ingreso nun centro —deben ter unha PCR negativa nas 72 horas previas—.

Tamén co fin de anticiparse aos contaxios, explicou que Galicia está a implantar un sistema de detección de virus en augas residuais pioneiro en Europa. Este método, apuntou Acevedo Prado, pode ser un marcador precoz da presencia do virus para actuar de forma rápida antes de que se estenda, en especial ante portadores asintomáticos. Neste eido da detección, anunciou que se porán a disposición de todas as residencias test de antíxenos.

Residencias integradas

No relativo á intervención e atención aos residentes, o director xeral insistiu en que sempre que nalgunha residencia estivo en perigo a calidade asistencial a Xunta actuou, e que o criterio para facelo foi sempre exclusivamente sanitario. Ademais, Galicia puxo en marcha residencias integradas que foron pioneiras a nivel nacional—na actualidade están operativas no Cegadi, en Santiago de Compostela, e no centro Bo Día Boullosa Pardo de Vera, en Vigo—onde os maiores con coronavirus reciben unha atención de primeiro nivel e especializada na súa doenza.

Imaxes relacionadas