Sanidade suaviza as restricións nos concellos de Vedra, O Pino, Mugardos, Viveiro, Toén e San Cibrao

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa desta decisión tras a xuntanza do Subcomité clínico, que tamén acordou incorporar os concellos de Cee, Dumbría, Muxía, Ribadumia, Meis e Meaño aos municipios con restricións especiais

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou na mesma comparecencia que se vai reforzar o sistema de inspeccións nas residencias sociosanitarias través dun programa intensivo de auditorías

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceron hoxe en rolda de prensa para informar sobre as últimas decisións adoptadas polos seus departamentos en materia covid.

O titular do departamento sanitario galego informou sobre o acontecido na xuntanza desta mañá do subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia. Así, referiu que se veñen de levantar as restricións especiais en tres concellos da provincia da Coruña, Vedra, O Pino e Mugardos; noutros dous da provincia de Ourense, Toén e San Cibrao das Viñas; e nun da provincia de Lugo, Viveiro. Nestes concellos rexerán, pois, as medidas de nivel 2.

Así mesmo, os expertos que avalían a expansión do coronavirus na comunidade galega acordaron incorporar os concellos de Cee, Dumbría, Muxía, Ribadumia, Meis e Meaño ao grupo de municipios con restricións especiais.

As medidas serán publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor a partir desta medianoite.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Sarria, Chantada, A Rúa, Petín, Ordes e Ribeira, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o Subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

Medidas nas residencias

O conselleiro de Sanidade referiuse tamén aos cribados nos centros sociosanitarios. Lembrou que xa se realizaron tres roldas con PCR por saliva que, se ben ata o de agora facíanse cada 15 días, van pasar a ser semanais. Tamén incidiu na incorporación dos test de antíxenos para os casos sintomáticos en todas as residencias, e anunciou a implantación dun cribado adicional mediante PCR con toma de mostra nasofarínxea nas chamadas “residencias brancas”, as que non tiveron ningún caso positivo.

A conselleira de Política Social, pola súa banda, sinalou que Galicia segue avanzando na estratexia para a detección temperá de gromos nas residencias sociosanitarias e adaptando as medidas á evolución da evidencia científica. Así, apuntou que o Goberno galego foi pioneiro na implantación de cribados quincenais a todos os traballadores das residencias, e agora estas probas serán incrementadas para tratar de dar unha mellor resposta á aparición de casos.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que a Xunta reforzará o actual sistema de inspeccións que realizan de xeito continuo as Consellerías de Política Social e Sanidade. Farao a través dun programa intensivo de auditorías que se realizarán nun prazo récord de 15 días, unha avaliación para comprobar que se está cumprindo cos protocolos e o establecemento de medidas para plantar cara ao virus. O obxectivo, sinalou, é “minimizar ao máximo os riscos de que a covid-19 entre nas residencias”.

Imaxes relacionadas