A Xunta pon en valor o papel clave das confrarías de pescadores na xestión marítimo-pesqueira

Soutomaior (Pontevedra), 27 de novembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia de dar máis protagonismo ao sector na actualización da normativa marítimo-pesqueira para seguir avanzando na pesca profesional e afrontar os retos de futuro do sector. Nesta liña sinalou que a cogobernanza entre as administracións e os profesionais do mar é fundamental para lograr un marco regulatorio sinxelo e aplicable. Así o subliñou hoxe en Soutomaior no marco do encontro que mantivo con representantes da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e no que tamén estiveron as delegadas territoriais da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e en Vigo, Marta Fernández-Tapias, para afondar na realidade e nas inquedanzas das confrarías galegas e en particular das da provincia de Pontevedra.

Na xuntanza abordáronse diferentes suxestións relacionadas con regulamentos relativos ás artes e aos aparellos, aos permisos de explotación, ás embarcacións e á comercialización dos produtos do mar co obxectivo de facilitar o labor dos profesionais do mar. Ademais debateron sobre o desenvolvemento da actividade no marco do contexto marcado pola pandemia da covid-19. Este tipo de reunións teñen como obxectivo intercambiar impresións de primeira man cos representantes das confrarías coa finalidade de seguir avanzando na pesca profesional e afrontar os retos de futuro do sector. Esta xuntanza súmase á mantida hai unhas semanas pola conselleira do Mar con esta federación de confrarías e que fora solicitada pola propia federación.

Imaxes relacionadas