A Xunta e o Concello de Pontevedra avanzan nas negociacións para o reforzo do servizo de transporte público no municipio e a ampliación das bonificacións nas tarifas para os veciños

As administracións autonómica e local compartirán a xestión das liñas internas no municipio, asumindo o Concello a parte proporcional do déficit de explotación

Implantarase un esquema de bonificacións máis beneficioso para os usuarios, que será compatible coa futura Área de Transporte de Galicia

O Goberno galego continuará financiando nesta área a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses da Xunta
 

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

A Xunta e o Concello de Pontevedra avanzan nas negociacións para impulsar o reforzo do servizo de transporte público no municipio e na ampliación de bonificacións nas tarifas para os veciños.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, para abordar estas medidas.

Na xuntanza avaliouse o procedemento para compartir a xestión das liñas de transporte público internas no termo municipal, liñas de carácter interurbano que prestan servizos de transporte urbano.

Para isto, implantarase un servizo de interese local no que o Concello de Pontevedra asumirá a parte proporcional do déficit de explotación desas liñas, que suporá unha achega duns 120.000 euros anuais.

Na reunión tamén se abordou a posta en marcha dun esquema de bonificacións máis beneficiosas para os usuarios, para abaratar os billetes, como xa veñen facendo todos os concellos que están integrados nas áreas de Transporte Metropolitano.

Neste caso, o Concello de Pontevedra asumiría os citados descontos, cun investimento 145.000 euros ao ano, mentres que o Goberno galego, pola súa banda, continuaría financiando a totalidade das vantaxes que supón a tarxeta Xente Nova. Cómpre lembrar que o Executivo autonómico activou en xuño na área de Pontevedra o uso deste dispositivo, co que os menores de 21 anos viaxan de balde nas liñas de autobús da Xunta.


O director xeral de Mobilidade explicoulle ao concelleiro que estas bonificacións son compatibles coa futura Área de Transporte de Galicia, a través da que a Xunta estenderá ao conxunto da comunidade os beneficios das actuais áreas de transporte metropolitano.
 

Imaxes relacionadas