Instaláronse 7 paneis identificativos/interpretativos que permitirán a interpretación histórica dos diferentes monumentos

O delegado territorial da Xunta en Ourense inaugura a ruta “O románico nas Terras de Maside”

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, investiu máis de 5 mil euros

O delegado territorial sinalou que “este tipo de actuacións teñen por finalidade o fomento da recuperación, da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”

Ourense, 27 de novembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu esta mañá en Maside á xornada de inauguración da ruta do románico baixo o título “O románico nas Terras de Maside”, na que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, investiu máis de 5 mil euros; un 65% do orzamento total, quedando a cargo do concello a contía restante de 2.800 euros.

Acompañado do alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, o delegado territorial, atendeu as explicacións dos técnicos e sinalou que “este tipo de actuacións teñen por finalidade o fomento da recuperación, da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.

O proxecto desenvólvese en diferentes parroquias do concello de Maside, todas moi próximas entre sí: Louredo, Eirexe e Mundín de Garabás, Santa Comba, O Pazo, Rañestres e Maside, xuntando así, nun área de escasos quilómetros, unha zona de grandísimo interés pola acumulación dos bens patrimoniais deste concello do rural.

Para potenciar a sinalización dos recursos turísticos, instaláronse 7 paneis identificativos/interpretativos que permitirán a interpretación histórica dos diferentes monumentos. Todos e cada un dos paneis contarán con códigos QR que remitirán a unha plataforma web na que ampliar a información da ruta e de cada un dos bens presentes na mesma. Así como para poder ter acceso aos tracks de navegación en GPS, galería fotográfica, etc. Neste espazo web presentarase o conxunto mediante o emprego das últimas tecnoloxías para difusión de contidos.

Preténdese coa execución das obras aquí descritas a posta en valor dos puntos turísticos de maior relevancia dentro do concello de Maside, tanto dende un punto de vista cultural como histórico. Relacionando as diferentes Igrexas de estilo Románico, de grande valor patrimonial e todas recollidas no catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia, cos restos de dúas torres medievais, únicos exemplos de arquitectura civil medieval na contorna, merecedoras de visibilización e protección. Conformando así un roteiro cultural digno de recoñecemento.

Imaxes relacionadas