O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destaca a importancia de concienciar sobre a necesidade de que todos nos impliquemos co sector da cultura

A Xunta de Galicia presenta a nova campaña cultural centrada no fomento do consumo por parte da cidadanía

A estratexia conta cunha importante presenza en plataformas como Instagram ou Spotify e fai que a Xunta estea presente por primeira vez en Tik Tok

Poderá verse tamén nas rúas comerciais das sete cidades galegas nas semanas do Nadal, co obxectivo de lembrar que a cultura tamén pode ser un agasallo

“Debemos seguir traballando para que a actividade non se paralice e coa esperanza de que isto tamén pasará”, salienta o representante autonómico

Avanza que, de manterse a actual evolución epidemiolóxica, as autoridades sanitarias prevén incrementar os aforos culturais nos próximos días

Para a difusión, a Administración autonómica buscará tamén a colaboración dalgunhas das caras máis recoñecidas do panorama cultural galego
 

Pontevedra, 27 de novembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova campaña para fomentar a cultura que a Xunta de Galicia pon en marcha de cara aos próximos meses. Trátase dunha estratexia centrada na dinamización do consumo e na importancia de programar actividades seguras, que se enmarca nas actividades impulsadas ao abeiro do Plan de reactivación cultural.

Tal e como explicou o titular de Cultura do Goberno galego durante a presentación, esta campaña “busca concienciar sobre a necesidade de que todos nos impliquemos no mantemento dun sector que é estratéxico para a nosa Comunidade”. Para isto, establécese unha estratexia que, tendo en conta o contexto no que vivimos, adáptase a todos os soportes para chegar as rúas comerciais das cidades galegas, os medios de comunicación e as principais redes sociais.

Neste sentido, tal e como indicou, a campaña estará baseada en cinco gráficas ¬–teatro, libro, música, danza e cine– e contará tamén cunha forte presenza dixital, a través de plataformas como Instagram, Spotify ou Tik Tok, onde a Xunta de Galicia estará presente por primeira vez, co obxectivo de chegar a todos os públicos visibilizando que a cultura é un dos principais piares da nosa identidade e unha fonte de riqueza e que “debemos seguir participando nela porque a cultura é segura e hai que gozala”.

Interacción e participación

Román Rodríguez incidiu tamén en que esta é unha campaña “moi necesaria” que está pensada “para favorecer á recuperación e reactivación de todos os sectores culturais”, especialmente no contexto do Nadal, onde os produtos culturais poden ser un bo agasallo. Para iso, engadiu, esta estratexia buscará a participación dalgunhas das caras máis recoñecidas do panorama cultural galego para visibilizar a importancia de promover o consumo entre toda a poboación. Esta interacción cos contidos da campaña buscarase a través de cuestionarios e enquisas nas que a xente poderá compartir, entre outras cousas, cal é a súa obra de teatro favorita, o libro que quere que lle agasallen ou o primeiro espectáculo de danza que viu.

O lanzamento desta campaña, tal e como explicou o conselleiro, forma parte dun paquete de medidas deseñado pola Xunta no marco dun Plan de reactivación dos sectores culturais que, dotado con 26,4M€, establece unha folla de ruta coa que paliar o impacto inmediato da crise sanitaria. Trátase dun plan “ambicioso e valente” que inclúe medidas para o conxunto do sector, do que xa se executaron ou están en marcha o 95%, e que está permitindo “dar un pequeno respiro a moitos profesionais e industrias da cultura dun momento de gran dificultade”.

Os responsables da campaña son empresas galegas especializadas que contan cunha ampla experiencia e traxectoria. O deseño foi encargado a empresa pontevedresa OVO e gravado en espazos culturais da Comunidade galega. A responsable da estratexia dixital, pola súa banda, será a axencia Nasas, da Coruña. Tamén é galega a banda sonora do spot: Alalá do Pai Iglesias II do músico Álvaro Iglesias, do Porriño.

Máis investimento en 2021

Neste contexto, Román Rodríguez lanzou unha mensaxe de esperanza e animou a todos os axentes culturais a “seguir dando pasos para que a cultura continúe sendo un sector estratéxico no futuro de Galicia”. “Debemos seguir traballando para que a actividade non se paralice e coa esperanza de que isto tamén pasará”, concluíu. A esta respecto, avanzou que, de manterse a actual evolución epidemiolóxica, as autoridades sanitarias prevén incrementar os aforos culturais nos próximos días.

Avanzou, así mesmo, que a Xunta manterá esta aposta pola cultura no vindeiro ano. “Os orzamentos de 2021 inclúen un incremento de fondos do 27,4% para os nosos creadores e creadoras, para a nosa industria cultural, para a nosa cultura de base, para os museos e bibliotecas, para a conservación do patrimonio, entre outros”, subliñou respecto á partida de 94M€ das contas autonómicas presentadas esta semana.

Presenza en Culturgal desde hoxe

Esta mesma tarde o conselleiro participará tamén na apertura en Pontevedra de Culturgal, que se adapta ás limitacións de capacidade e demais restricións sanitarias ofrecéndolle ao público unha ambiciosa transmisión en liña da meirande parte da súa programación.

A Xunta de Galicia mantén o seu apoio económico ao encontro, do que é a principal patrocinadora, ademais de se involucrar directamente na configuración do programa, ao que achega unha vintena de actividades culturais. Deste xeito, durante a fin de semana Culturgal será o escenario para seis dos espectáculos ao vivo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 −entre os que se atopan os concertos de Susana Seivane e Luar na Lubre−, a proxección da restauración da versión polícroma do documental de 1927 Pontevedra, cuna de Colón, ou a presentación de diferentes iniciativas da Xunta no ámbito da cultura dixital, da promoción da economía social, da dinamización lingüística e da programación cultural.

Con este acto de apertura, darase paso á primeira sesión audiovisual do encontro coa proxección do filme de Alfonso Zarauza Ons e a actuación do grupo Chicharrón, que asina o tema central da banda sonora. Esta longametraxe, para a que a produtora Maruxiña Film Company recibiu unha subvención da Xunta de Galicia de preto de 240.000 euros, chega a Pontevedra en pleno percorrido por distintos festivais cinematográficos antes da súa estrea en salas, prevista para o 18 de decembro.

Imaxes relacionadas