A Xunta pecha a edición máis numerosa do programa TecEuropa coa participación de 70 técnicos galegos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe o acto de clausura e destacou a importancia das políticas das transicións ecolóxica e dixital nos novos fondos europeos de recuperación

Esta décima edición contou coa maior asistencia de profesionais especialistas en xestión de fondos comunitarios desde a posta en marcha do programa no ano 2015
 

Bruxelas, 27 de novembro de 2020

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a clausura a décima edición do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa que celebrou a súa das últimas cinco sesións en liña. De todas as edicións celebradas ata a data, esta décima foi a que contou coa participación máis numerosa, con de máis 70 asistentes.

Durante a súa intervención destacou a importancia de comprender ben as políticas que están detrás do novo instrumento de recuperación europea, principalmente, das transicións ecolóxica e dixital.

Ademais, a directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa (FGE), Ana Ramos, anunciou no peche da xornada que o organismo xa está a traballar na organización das próximas edicións de TecEuropa e destacou a importancia destas para a preparación dos profesionais galegos nun momento no que o papel da Unión Europea resulta crucial para a recuperación económica de Galicia.

Este programa formativo, posto en marcha en 2015 pola FGE, logrou situarse como o curso de referencia en Galicia nesta materia, contribuíndo ao longo das súas nove edicións anteriores á formación de máis de 185 profesionais e a consolidar e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, a través da cal compartir experiencias e coñecementos, así como desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Ao longo das dúas semanas programadas, os participantes puideron coñecer, a través de conferencias e sesións prácticas e da man de relatoras da Comisión Europea, os detalles do novo período financeiro comunitario 2021-2027 e do novo instrumento temporal de recuperación “NextGenerationEU”.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 350 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Imaxes relacionadas