A Xunta e o Parlamento de Galicia reforzan a actividade solidaria de Mercaproximidade para a provisión de alimentos aos colectivos máis necesitados

O conselleiro do Medio Rural e o Presidente da Cámara galega asinaron hoxe un convenio de colaboración para a compra e cesión de alimentos ás entidades sociais sen ánimo de lucro

O convenio ten un orzamento de 130.000 euros e estará vixente ata o vindeiro 31 de decembro de 2020

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020

A Xunta e o Parlamento de Galicia veñen de reforzar a actividade solidaria da canle Mercaproximidade para a provisión de alimentos aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19. Así se plasmou esta mañá nun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a institución lexislativa. Na firma estiveron presentes o conselleiro, José González, e o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, acompañados do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Mediante este convenio, as organizacións sen ánimo de lucro -concretamente os comedores sociais e bancos de alimentos- poderán solicitar á Consellería do Medio Rural a concesión de subvencións en especie. Neste senso, e tal e como xa fixo durante o estado de emerxencia, a Consellería do Medio Rural mercará alimentos ao abeiro da rede Mercaproximidade a produtores e industrias de transformación de Galicia adheridos a esta canle para logo cedelos a estas entidades sociais.

Así, esta colaboración ten como finalidade continuar a cooperación coas entidades de iniciativa social que realizan actuacións dos servizos de cobertura de necesidades de alimentos, dotándoas de produtos agrogandeiros adquiridos directamente aos agricultores, gandeiros e pequenas industrias galegas. Desta forma, séguese tamén a apoiar o traballo do sector primario galego que tamén sufriu as consecuencias da pandemia.

Para levar a cabo esta colaboración entre Xunta e Parlamento de Galicia, disponse dun orzamento total de 130.000 euros para a compra de alimentos, dos cales cada unha das partes aporta o 50%. O convenio estará vixente dende hoxe ata o vindeiro 31 de decembro.

Rede Mercaproximidade

A rede alternativa Mercaproximidade foi creada pola Consellería do Medio Rural durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19. Dende a súa creación, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Doutra banda, a Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios como queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas a diversas entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria.

Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas