Conde destaca que Vigo necesita dos seus emprendedores para abordar a transformación económica e social

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, lembra na XV Entrega de Premios de AJE Vigo subliña o paso adiante dado hoxe no Consello da Xunta, onde se avaliou a futura Lei de reactivación

Este novo marco normativo terá como obxectivo crear un entorno favorable para que a economía galega poida saír fortalecida da crise

Nos dez primeiros meses deste ano creáronse na comarca de Vigo preto de dúas empresas ao día
 

Vigo, 26 de novembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na XV Entrega de Premios de AJE Vigo que esta cidade –ao igual que Galicia– necesita dos seus emprendedores para abordar a transformación económica e social que se quere levar a cabo. Neste sentido, indicou que os fondos europeos Next Generation deben supoñer unha oportunidade para deseñar a Galicia do futuro.

Conde, que defendeu que os emprendedores son o verdadeiro motor da economía galega, fixo fincapé en que a Xunta busca acompañar a recuperación da economía, tanto co Plan de reactivación, co que se están a mobilizar máis de 3000 millóns de euros, como con iniciativas como o Plan de rescate para persoas autónomas e microempresas. Ademais, subliñou o paso adiante dado hoxe no Consello da Xunta, onde se avaliou a Lei de reactivación de Galicia.

Tal e como apuntou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, este novo marco normativo terá como obxectivo crear un entorno favorable para que a economía de Galicia poida saír fortalecida desta crise. Así, facilitarase o investimento con menos burocracia e menos barreiras para a iniciativa empresarial, con máis axilidade administrativa, máis incentivos fiscais, e máis facilidades de acceso ao solo industrial. Baixo estas premisas, a Lei de reactivación económica ofrecerá vantaxes para proxectos estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias; e outorgará beneficios fiscais e outros apoios para favorecer a reactivación tras a pandemia.

Conde, que apuntou que o emprendemento é o xerme da recuperación económica e do progreso, sinalou que a pesar das dificultades, día a día xorden novas ideas de negocio. De feito, nos dez primeiros meses deste ano puxéronse en marcha na comarca de Vigo preto de dúas empresas ao día.
 

Imaxes relacionadas