O conselleiro de Sanidade visita o novo PAC de Cee, ampliado para atender a crecente demanda asistencial

As obras de reforma supoñen a adaptación dunha superficie total de 390 m2 cun investimento de 150.000 €, entre dotación e obra

A Coruña, 26 de novembro de 2020

“Debido á situación na que nos atopamos e co fin de dar mellor resposta a unha situación extraordinaria, fíxose necesario a creación dun dobre circuíto no Servizo de Urxencias do Hospital Público de Cee e a reubicación do novo PAC no Centro de Saúde de Cee que comeza hoxe a funcionar”. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizou este mediodía ao municipio de Cee, acompañado polo Xerente da Area Sanitaria, Luis Verde Remeseiro. Tamén asistiu ao acto o delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor.

Tendo en conta o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública actual, é imprescindible manter os circuítos de atención e illamento diferenciados para pacientes con patoloxía respiratoria, e, en base ás disposicións legais habilitadas para facer fronte á conxuntura sanitaria, propúxose a obra de reforma no Centro de Saúde de Cee para crear un PAC nas estancias ocupadas ata o de agora polas consultas de xinecoloxía e pediatría, facilitando un mellor aproveitamento do espazo existente. Previamente estas consultas trasladáronse ao espazo que ocupaba a sala de xuntas do centro.

O Servizo de Urxencias do Hospital Público de Cee sitúase na planta baixa do edificio principal e contaba con dúas zonas diferenciadas, pero contiguas, correspondentes aos servizos de atención de urxencias extrahospitalarias (PAC) e ao servizo de urxencias hospitalarias (Hospital Público de Cee). A realización das obras e adaptacións pertinentes permitiron renovar a actividade ordinaria de maneira gradual e segura, tanto na área de urxencias como de consultas externas.

O novo PAC sitúase no edificio do Centro de Saúde con entrada e circuítos alternativos, permitindo o funcionamento independente do Centro de Saúde. O traslado das dependencias do PAC permitiu, nas urxencias do Hospital, a creación de circuítos diferenciados de urxencias COVID e o resto de urxencias, garantindo a seguridade asistencial.

Superficie e dotación

As obras de reforma supoñen, segundo explicou García Comesaña, a adaptación dunha superficie total de 390 m2 cun investimento de 150.000 €, entre dotación e obra. As novas consultas de pediatría e xinecoloxía, que se sitúan no espazo que ocupaba a sala de xuntas do centro, supón unha superficie de 100 m2, contarán con 4 consultas, das que 2 serán de pediatría, 1 para a matrona e 1 para a enfermeira pediátrica. Ademais dunha sala de espera para pacientes. O novo PAC, que se sitúa na zona onde con anterioridade estaban localizadas as consultas de Pediatría e Xinecoloxía, facilitando un mellor aproveitamento do espazo existente, contará cunha superficie de 290 m2, e se distribuirá nunha sala de espera para pacientes, 4 consultas médicas, 3 almacéns, ademais de baños e zona de estar para o persoal.
 

Imaxes relacionadas