A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, recibe aos representantes da plataforma 'Más Plurales' en Vigo

Vigo, 26 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu hoxe no seu despacho aos representantes da plataforma “Máis Plurales” en Vigo co obxectivo de abordar o impacto que terá na Comunidade a recente aprobación da Lomloe.

Fíxoo a petición dos propios portavoces dos centros, aos que lles explicou que a intención do Goberno galego é “reducir ao mínimo posible a súa aplicación, e na medida que o permita o cumprimento da propia lei”.

A representante autonómica coincidiu en que se trata dunha lei “reducionista” que deixa sen capacidade de elección aos pais e nais, na medida que impón o centro escolar no que ten que estudar os seus fillos e fillas. “Pretenden impoñer un único tipo de ensino, deixando sen elección ás familias”, apuntou.

Por se isto non fóra o suficientemente grave, entende Fernández-Tapias, que fomenta a minoración da calidade educativa e a desigualdade, “deixando sen elección ás familias máis humildes”. Asemade, agregou que todo apunta que busca “crear unha confrontación no ámbito da lingua, que en Galicia é inexistente”.

A diferencia do Goberno central, dixo, “nós cremos na calidade educativa e o plurilingüismo, pero, sobre todas as cousas, no dereito dos pais e nais a decidir”.

En todo caso, a delegada lamentou que se perdera unha oportunidade histórica para o consenso xa que, tal e como recordou, a Lomloe elaborouse ás costas das comunidades autónomas.

Imaxes relacionadas