Luisa Piñeiro reafirma a "máxima colaboración" da Xunta cos concellos de Vila de Cruces e Agolada nas súas visitas institucionais

Reúnese co alcalde cruceño, Luis Taboada, e recolle as súas demandas, centradas en melloras viarias e cuestións loxísticas no centro de saúde e os colexios públicos

A delegada tamén mantivo un encontro co rexedor agoladense, Luis Calvo, que realizou solicitudes en materia social, empresarial, cultural e urbanística

Vila de Cruces, 26 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá a “máxima colaboración e total compromiso” do executivo galego cos concellos de Vila de Cruces e Agolada tras senllas visitas institucionais a ambos municipios da bisbarra do Deza.

A representante autonómica lembrou que o Goberno galego sempre mantivo “un gran clima de entendemento, traballo e apoio” a Vila de Cruces e Agolada e lembrou que investíu case 24 millóns de euros en ambos territorios nos últimos catro anos. “Imos manter o respaldo firme aos proxectos de interese xeral de toda a comarca do Deza, tal e como fixemos sempre e cos que seguimos absolutamente comprometidos”, indicou Luisa Piñeiro, que apostillou que, por exemplo, o Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín vai saír a licitación en decembro por máis de 9 millóns de euros.

A xornada no Deza arrancou en Vila de Cruces cunha reunión co seu alcalde, Luis Taboada, que agradeceu a visita e garantíu a total colaboración e disposición do Concello coa Xunta de Galicia. Neste encontro, a delegada territorial recolleu as súas demandas, centradas principalmente en melloras viarias e construción de sendas peonís e en cuestións loxísticas referidas ao centro de saúde e os colexios públicos.

Así, preténdese que a Xunta arranxe as canalizacións internas do punto médico para evitar filtracións que impidan o uso da pranta baixa para actividades sociais e culturais, unha cuestión que a representante autonómica vai comezar a xestionar xunto coas demais demandas do Concello.

Posteriormente, Luisa Piñeiro desprazouse ata Agolada, onde foi recibida polo alcalde, Luis Calvo, que entregou un informe coas súas demandas de colaboración para a Xunta. O rexedor tamén agradeceu a presenza da delegada territorial e aclarou que o Concello estará a disposición do executivo galego.

En canto ao contido da xuntanza, a delegada territorial interesouse polas súas solicitudes, centradas en investimentos de carácter social, empresarial, de emprego e urbanístico. Neste punto, Luisa Piñeiro explicoulle que o Concello, moi interesado en aprobar o Plan Xeral, pode solicitar a autorización da Xunta para o cambio do equipo redactor.

Imaxes relacionadas