A Xunta completa os servizos de saneamento e abastecemento na parroquia de Larín, en Arteixo, cun investimento de máis de 332.000 euros

Augas de Galicia procedeu á entrega destas infraestruturas hidráulicas ao Concello, que asumirá a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento

Trátase da mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, Salto do Carro, Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e Coque

A Xunta, con estes proxectos, responde á necesidade de ampliación dos servizos hidráulicos desta parroquia, que rexistra unha crecente actividade turística

O Goberno galego segue achegando apoio técnico e financeiro aos concellos para que presten os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

A Xunta vén de completar os servizos de saneamento e abastecemento na parroquia de Larín, en Arteixo, cun investimento autonómico de máis de 332.000 euros.

Augas de Galicia entregoulle estas actuacións hidráulicas ao Concello de Arteixo, que asumirá a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento.

Por unha parte, as obras centráronse na mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento nos lugares de Larín de Arriba, Salto do Carro e Groba de Abaixo, cun orzamento de 156.000 euros.

Executouse unha rede de colectores, diferenciados en catro tramos que recollerán as augas residuais das vivendas situadas nas marxes da estrada provincial DP-0507 e outro grupo pequeno de inmobles, para conducilas á estación depuradora de Groba.

Por outra parte, acometéronse actuacións de mellora de saneamento e abastecemento nos núcleos de Areal, Pedroso e Coque, cun investimento de 176.000 euros.

A intervención consistiu na execución dunha rede de fecais cunha lonxitude total de 1.546 metros de tubaxe. Esta consta de dous colectores principais e dous secundarios, que recollerán os vertidos das vivendas situadas a ambas as marxes da estrada AC-552 para conducilos á EDAR de Groba.

Con estes proxectos, a Xunta dálle resposta ás necesidades en infraestruturas hidráulicas desta parroquia, que está a rexistrar unha crecente actividade turística, polo que é precisa a ampliación de servizos básicos, como o abastecemento e o saneamento.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.