A Xunta celebra un workshop sobre materiais hixiénico-sanitarios innovadores ante a covid-19

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe neste encontro, que se inscribe nas actividades da Materioteca de Galicia

Sinala varios casos de éxito neste ámbito que se están a desenvolver na Comunidade, como o material antimicrobiano mediante adición de nanopartículas de prata da empresa Nanogap ou os tecidos que inhiben activamente os virus, matan as bacterias e purifican o aire de Style VTX

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, abriu hoxe a xornada en liña titulada Materiais hixiénico-sanitarios, organizada pola Materioteca de Galicia no marco do Programa de Deseño para a Innovación, ante máis de vinte empresas, departamentos universitarios e deseñadores.

Argerey apuntou que este encontro responde á necesidade de facilitar a hixienización de espazos públicos e de evitar a transmisión da covid-19 por contacto con virus e bacterias depositadas en superficies. Con este obxectivo, presentouse unha selección das actuais novidades no ámbito dos materiais hixiénico-sanitarios que se están comercializando a nivel internacional, recompilados pola empresa especializada na I+D+i de materiais Materially.

A directora de Gain sinalou varios casos de éxito neste ámbito que se están a desenvolver en Galicia como o material antimicrobiano mediante adición de nanopartículas de prata da empresa Nanogap ou os tecidos que inhiben activamente os virus, matan as bacterias e purifican o aire de Style VTX, empresa do grupo británico Style con fábrica en Tui.

Por último, Argerey inscribiu esta actividade nas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia en resposta á pandemia por coronavirus co fin de acompañar e estimular ás empresas e centros de coñecemento no desenvolvemento de solucións innovadoras, nun contexto no que a I+D+i se ten demostrado máis necesaria ca nunca. Entre estas actuacións, destacou a aceleradora Connect-19 que está impulsando a comercialización de 20 produtos e solucións para reducir o impacto social e económico da pandemia.

Pola súa parte, Unai Etcheverría e Iker Aguirre, da empresa Materially, presentaron diferentes casos nos que o deseño de produto xerou novos conceptos e solucións para paliar a crise sanitaria. Ademais, identificaron aqueles materiais que contribúen a crear espazos e produtos máis seguros e saudables desde o punto de vista hixiénico-sanitario. Cun enfoque eminentemente práctico, proporcionaron aos asistentes información sobre os fabricantes de ditos materiais e tecnoloxías.

Sobre a Materioteca de Galicia

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia e está situada en Ferrol, no CIS Tecnoloxía e Deseño. O seu obxectivo é dinamizar a implantación dos materiais innovadores nas empresas galegas a través do deseño.

Recentemente, acaba de publicar unha páxina web propia a través da que se difunden os diferentes materiais realizados en Galicia e que se van incorporando á Materioteca. Así mesmo, está en marcha un Certame de Materiais Innovadores de Galicia, cuxa inscrición se pode realizar ata o 24 de febreiro, que ten como obxectivo identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.

Así mesmo, celebrouse nas últimas semanas un Ciclo de Materiais para o Futuro, onde se abordaron temas como a impresión 3D, materiais para o sector do contract ou a presentación de tendencias en deseño de materiais a través da cor e o acabado superficial (metodoloxía CMF).

Imaxes relacionadas