O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o director de Xera e o delegado da Xunta en Ourense participaron na presentación do programa Sinerxia

A Xunta repartirá máis de 4,5 millóns de euros entre case 700 beneficiarios para que elaboren instrumentos de ordenación ou xestión forestal en 2021

José Luis Chan destacou que, na provincia de Ourense, as achegas superarán os 1,6 millóns de euros e distribuiranse entre case 270 solicitantes

O director xeral enmarcou a convocatoria no contexto de transición verde que establece o Pacto Verde e a nova Estratexia Forestal Europea

Canto ao programa de xestión forestal Sinerxia, puxo de relevo o importante labor que están a desenvolver as empresas de servizos forestais de cara á sustentabilidade da xestión dos montes galegos

Mentres, Ignacio Lema destacou o compromiso do Goberno galego coa industria forestal galega e sinalou que a provincia de Ourense desenvolve este ano co apoio de Xera 32 proxectos que mobilizarán preto de 3,3 M€

A Veiga (Ourense), 26 de novembro de 2020

A Xunta repartirá máis de 4,5 millóns de euros entre case 700 beneficiarios para que elaboren instrumentos de ordenación ou xestión forestal en 2021. Así o destacou o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, no acto de presentación do programa de xestión forestal Sinerxia, no que tamén participaron o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde da Veiga, Juan Anta.

Así, o director xeral salientou que, previsiblemente a semana vindeira, se remitirán as notificacións de concesión destas axudas públicas para a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión dos montes galegos. Ao tempo, destacou que a provincia de Ourense aglutinará a meirande parte destas achegas, ao superar os 1,6 millóns de euros para case 270 solicitantes. Séguena, por esta orde, Lugo -con case 1,5 millóns para máis de 200 beneficiarios-, Pontevedra -con máis dun millón para case 170 solicitantes- e A Coruña -con case 325.000 euros para preto de 60 beneficiarios-.

Na súa intervención, José Luis Chan puxo de relevo que esta convocatoria establece un firme compromiso coa certificación da xestión forestal sustentable, toda vez que as axudas están vinculadas a un compromiso dos beneficiarios de obter dito selo de certificación nun período dun ano dende o seu pagamento. Cómpre lembrar que este certificado, expedido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente (PEFC ou FSC) tras unha auditoría previa, asegura que a xestión forestal cumpre cos estándares de sustentabilidade económica, social e medioambiental que esixen as novas políticas de neutralidade climática.

Na visita, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal subliñou a importancia que terán os servizos ecosistémicos, a xestión forestal sustentable e activa e as políticas de descarbonización no contexto de transición verde que establece o Pacto Verde e a nova Estratexia Forestal Europea. Nesa dirección, José Luis Chan recoñeceu o importante labor que están a desenvolver as empresas de servizos forestais de cara á sustentabilidade da xestión forestal, non só pola súa proximidade ao monte e aos propietarios forestais, senón tamén pola súa xeración de emprego no medio rural, pola formación que levan a cabo e por ser os principais axentes da posta en valor dos terreos forestais das comunidades de montes veciñais en man común e de particulares.

Un bo exemplo, dixo José Luis Chan, é a empresa asentada na Veiga AMETLAM e o seu programa Sinerxia, que pretende ser unha ferramenta que englobe a xestión administrativa, económica e forestal das distintas propiedades forestais. Este programa está financiado con axudas da Xunta, en concreto do programa da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, para impulsar investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, financiado con fondos Feader.

Así, o director de Xera, Ignacio Lema, trasladou o compromiso da Xunta co desenvolvemento da industria forestal galega e informou de que desde Xera destináronse, este ano, máis de 14 millóns de euros para apoiar 297 iniciativas e 15 programas formativos. Trátase de apoios para fomentar o uso da madeira tanto na rehabilitación, como na construción e no deseño de envases; axudas para a renovación tecnolóxica; para a segunda transformación e contract; así como para a formación e a divulgación. En concreto, a provincia de Ourense desenvolverá 32 proxectos cunha achega de algo máis dun millón de euros cos que se mobilizarán preto de 3,3 millóns.

O encontro rematará cunha visita á unidade de xestión forestal de coníferas e frondosas da CMVMC de Meixide, acollida á certificación forestal sostible do grupo AMETLAM, e onde se están a desenvolver traballos silvícolas ao abeiro dos máis de 635.000 euros distribuídos este ano pola Consellería do Medio Rural no concello da Veiga para este fin. Para concluír, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal resaltou que a Consellería está a crear unha arquitectura dixital do monte que permitirá facer un seguimento, en tempo real, do estado dos nosos bosques e do impacto das políticas públicas que se están a levar a cabo, dándolle a visibilidade, a transparencia e a importancia que ten a xestión forestal na nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural