Trenor traslada aos representantes dos centros privados o compromiso de que a Xunta manterá o ensino concertado

A Coruña, 26 de novembro de 2020

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá nun encontro de traballo cos representantes dos centros educativos concertados de Galicia (Plataforma Más Plurales) para analizar a aplicación da nova lei educativa, coñecida como lei Celaá, así como o desenvolvemento do curso escolar. No encontro trasladoulles que o Goberno da Xunta está traballando para blindar a calidade, a equidade, a igualdade de oportunidades e a cultura do esforzo no sistema educativo galego de xeito que a aplicación da lei Celaá −que lembrou que foi tramitada sen contar coas comunidades autónomas− non implique unha merma dos resultados exitosos acadados ata o de agora.

Trenor explicou que a Xunta non vai cambiar o seu modelo educativo, e mostrou o seu compromiso de manter o ensino concertado porque as rendas medias e baixas tamén teñen dereito a mandar aos seus fillos ao centro educativo que desexen, sexa público ou concertado. “Non estamos dispostos a aceptar –engadiu- a que soamente se poida mandar un neno a un centro concertado se a familia ten moitos recursos”. O delegado da Xunta recalcou que estamos ante una nova lei que é mala porque divide e impón unha visión da sociedade reducionista.

Imaxes relacionadas