Medio Ambiente concede unha axuda de 200.000 euros do Fondo de Cooperación para a reforma de varios edificios que albergarán o novo centro de día e a residencia de Calvos de Randín

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Calvos de Randín veñen de asinar convenio polo cal a administración local accede a un préstamo sen xuros

A actuación consiste en recuperar varios edificios, onde se instalará o novo Centro de Día- Fogar con capacidade de 18 usuarios

Desde a posta en marcha do fondo, no ano 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns de euros en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de concellos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concede unha axuda de 200.000 euros ao Concello de Calvos de Randín do programa Fondo de Cooperación, para levar a cabo unha actuación de rehabilitación dun edificio que albergará usos administrativos e sociais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia Salgado, veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello dispoñer deste orzamento para financiar esta actuación, unha contía que poderá devolver ao IGVS nun máximo de catro anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

As obras a executar, en concreto, centraranse en rehabilitar e ampliar varios inmobles que serán o novo Centro de Día-Fogar de Calvos de Randín, unha dotación social con capacidade de 18 usuarios, baños adaptados, e sala polivalente; e unha residencia para 24 prazas, con 14 cuartos, unha sala de duras, enfermería, baño xeriátrico, sala para uso da residencia e de actividades; así como dependencias comúns (comedor, sala de rehabilitación, sala de actividades, control de acceso, despacho de dirección, cocina e almacéns).

Novas solicitudes de financiamento por 2,2 millóns

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros.