O Diario Oficial de Galicia publica a lista definitiva de adxudicatarios de prazas no concurso de traslados aberto e permanente do ano 2020

No ciclo de adxudicación correspondente a este ano, asígnanse un total de 1.036 destinos dos que 370 corresponden a profesionais de enfermería

Un total de 71 profesionais proceden doutros servizos de saúde

Está previsto que comecen a tomar posesión a partir do venres 27 de novembro

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a Resolución pola que se resolve con carácter definitivo, o ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2020 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

Este é o terceiro ciclo deste proceso de concurso aberto e permanente, posto en marcha a finais do ano 2017, que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia a conciliación da vida laboral e familiar dos profesionais, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade mínima anual.

Do total de adxudicacións de destino, 723 profesionais fican na mesma área sanitaria na que están a traballar actualmente e outros 242 cambian de a unha área diferente. Este concurso voluntario implica cambios nos centros de saúde, xa que o persoal sanitario moverase a quendas e centros mais acordes coas súas expectativas laborais e tamén persoais.

Por mor deste proceso facilítase o cambio de centro de traballo a 73 médicos de familia, 324 profesionais de enfermería, 82 PSX (Persoal de servizos xerais) e 38 TCAE (Técnicos en coidados auxiliares de enfermería).

Recupéranse ademais 71 efectivos que estaban a prestar servizos noutras comunidades autónomas.

No cadro adxunto pódense consultar o número de profesionais adxudicatarios que obteñen un novo destino definitivo, desagregado por categorías:

CATEGORÍA/ESTAMENTO
Nº ADXUDICACIÓNS

FACULTATIVOS ESPECIALISTAS DE ÁREA

188
PERSOAL DE ENFERMERÍA
370
MÉDICO DE FAMILIA
82

TÉCNICO EN COIDADOS AUXILIARES DE ENFERMERÍA

64
CELADOR
37

OUTRO PERSOAL SANITARIO

139

OUTRO PERSOAL NON SANITARIO

156
TOTAL
1.036

As listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados a cada unha das categorías, atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. O estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

A evolución da situación epidemiolóxica, obrigou a adoptar neste proceso unha serie de medidas excepcionais para a súa execución. Estas medidas foron acordadas na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario polos representantes da Administración sanitaria e a totalidade das organizacións sindicais representadas na mesma (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT). Entre estas medidas, cómpre destacar que as xerencias dos centros sanitarios poderán diferir o cesamento daqueles profesionais que estean prestando servizos en unidades directamente relacionadas coa atención covid. Así mesmo suspéndense os prazos de toma de posesión e contémplase a posibilidade de regreso do profesional ao destino de orixe para a prestación de servizos neste con carácter transitorio, cando razóns imperativas da organización sanitaria así o demanden.

Malia o contexto sanitario actual e as particularidades anteriormente expostas na súa execución, o Servizo Galego de Saúde está a cumprir, sen excepción, o seu compromiso de resolucións anuais de concurso de traslados, consciente da importancia que para os profesionais teñen as medidas que favorezan a conciliación da súa vida laboral e familiar.

Está previsto que os adxudicatarios de novos destinos comecen a tomar posesión a partir do venres 27 de novembro.