Educación inviste 1,9 M€ na modernización e rehabilitación enerxética do IES Illa de Tambo e do CEIP Carballal de Marín

Luisa Piñeiro supervisa estas actuacións, que están a piques de finalizar, coa alcaldesa María Ramallo e destaca o “gran esforzo da Xunta para ter os centros educativos de Marín nas mellores condicións”

As obras en ambos inmobles foron similares con reemprazo de cubertas e dotación de illamentos, substitución de carpintarías e renovación de servizos

Marín, 25 de novembro de 2020

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de investir case 1,9 millóns de euros nas obras de modernización e rehabilitación enerxética e funcional do IES Illa de Tambo e do CEIP Carballal, ambos no Concello de Marín, no marco do programa plurianual de renovación dos centros educativos de Galicia.

Ditas actuacións quedaron concluídas recentemente tanto no instituto de Secundaria como na escola de Infantil e Primaria, polo que ambas foron supervisadas esta mesma tarde pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e a alcaldesa María Ramallo.

A representante autonómica explicou, tras percorrer ambos centros, que a Xunta de Galicia “ten á educación pública como unha das súas grandes prioridades, polo que traballamos arreo para que o estado dos espazos de ensino sexa óptimo co obxectivo de que os alumnos poidan desenvolver axeitadamente a súa formación e Galicia se siga mantendo como unha das grandes referencias no ámbito da ensinanza, como nos confirman constantemente os datos do informe PISA”. Neste senso, Luisa Piñeiro engadiu que Educación “fixo un gran esforzo para ter os centros educativos de Marín nas mellores condicións e por iso contou con dous proxectos neste mesmo ano”.

En canto ao contido das actuacións, o IES Illa de Tambo recibiu 1.175.517€ para a mellora da súa envolvente e das súas instalacións, a colocación dunha cuberta de panel sándwich, a substitución de carpintarías, vidros e persianas e a instalación dun illamento térmico na fachada. Xa no seu interior procedeuse ao reemprazo da vella iluminación por outra de tecnoloxía Led en seis aulas con métodos de regulación e detección de movemento, a implantación dun novo sistema de calefacción con caldeira de biomasa, a renovación de saneamento, fontanaría e electricidade, a modernización dos sistemas de extinción de lumes e a colocación de novos teitos interiores con la de roca.

Ademais, acábanse de adxudicar melloras na instalación eléctrica deste IES, por importe de 36.000 euros, que se iniciarán nos próximos días.

No CEIP Carballal, as obras beneficiaron ás súas tres plantas, que contan con 3.600 m2 de superficie, con instalación de illamento exterior nas súas fachadas e patios cubertos, a substitución da carpintaría exterior e interior, persianas e paramentos, a dotación de paneis fonoabsorbentes no ximnasio e o escenario, a motorización das fiestras do ximnasio e a ubicación dun elemento de identidade corporativa. O orzamento desta rehabilitación ascendeu a 702.721€.

Imaxes relacionadas