O obradoiro internacional de tradución poética 'Con barqueira e remador' celebrará en liña a súa novena edición

O secretario xeral de Cultura da Xunta participou hoxe na presentación desta programación, que se desenvolverá con recoñecidos poetas e tradutores de varios países a partir do 30 de novembro e contará cun recital en streaming

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que celebrará a partir do 30 de novembro e durante unha semana a súa novena edición nun formato totalmente en liña. Baixo a dirección da poeta Yolanda Castaño, esta programación desenvolverase, por primeira vez, mediante a plataforma webex e emitirase na canle de Youtube da Consellería de Cultura da Xunta. Realizarase un recital en streaming o 3 de decembro ás 17,00 horas.

Anxo M. Lorenzo destacou o valor da celebración do obradoiro no contexto da pandemia: “Agora é máis importante ca nunca tender pontes e crear puntos de encontro para a reflexión e a creación literaria”, explicou, salientando “o importantísimo papel da cultura durante o confinamento”.

Neste sentido lembrou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a impulsar unha serie de actuacións para acompañar e apoiar ao tecido cultural nestas circunstancias, a través do Plan de Reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19, dotado con máis de 26 M€.

O secretario xeral de Cultura agradeceu tamén a disposición dos seis participantes nesta edición de Con barqueira e remador, a explorar un novo formato, “no que de seguro atoparán novas formas para o intercambio e a colaboración”, e convidounos a aproveitar a posibilidade que a retransmisión en liña ofrece para chegar a un público máis amplo.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia desde o seu nacemento o Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, un evento xa consolidado na programación cultural galega e que nas súas últimas edicións se viña desenvolvendo na Illa de San Simón.

Nesta novena edición participarán poetas en seis linguas, en concreto Lara Dopazo (galego), Laia Malo (catalán), Grazyna Wojcieszko (polaco), Laura Accerboni (italiano), Zhou Zan (chinés) e Barbara Pogacnik (esloveno).

Imaxes relacionadas