Sanidade afirma que os peches dos consultorios son transitorios e que están condicionados pola pandemia da covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegura que o obxectivo é garantir espazos seguros para poder atender a demanda asistencial nas mellores condicións posibles

No caso concreto do concello de Soutomaior, cóntase na actualidade cun centro de saúde en Arcade para a Atención Primaria, así como co Punto de Atención Continuada da Parda

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a situación que levou a pechar consultorios durante a pandemia pola covid-19. Segundo aclarou, algunhas destas infraestruturas non reúnen condicións como espazos seguros na actualidade, xa que non teñen posibilidade de crear zonas separadas para o acceso de pacientes sospeitosos de covid ou de salas de espera independentes.

O titular de Sanidade insistiu en que esta é unha situación transitoria, que non hai intención por parte do Sergas de pechar estes consultorios definitivamente e que vaise facer un esforzo para poder ir recuperando parte da súa actividade. Así mesmo, o conselleiro destacou que a día de hoxe, o obxectivo é garantir espazos seguros para poder atender a demanda asistencial nas mellores condicións posibles.

Soutomaior e Sampaio

No referido á situación no concello de Soutomaior (Pontevedra), García Comesaña lembrou que, para a Atención primaria, conta cun centro de saúde en Arcade e cun consultorio en Romariz que houbo que pechar ao inicio da pandemia por non cumprir as garantías mínimas de protección fronte á covid-19.

Habitualmente, a atención nestes dous centros dispénsase en quenda de mañá de luns a venres, dende as de 8,00 ata as 15,00 horas. O sábado tamén se atende no mesmo horario en Arcade. A día de hoxe a actividade está centralizada no centro de saúde de Arcade que acolleu ao equipo unidisciplinar do consultorio de Romariz. Os domingos e festivos a atención correspóndelle ao Punto de Atención Continuada da Parda, así como os días laborais a partir das 15,00 horas.

No concello de Soutomaior existen na actualidade 5.671 tarxetas sanitarias, das que 868 pertencen ao cupo de pediatría. As restantes 4.803 son atendidas por tres médicos de familia, que non tiveron no último mes ausencias superiores a un día puntual no que estaban sempre os outros dous. Tampouco houbo incidencias na cobertura a nivel da pediatría nin de sábados de mañá.

En canto ao consultorio Ponte Sampaio (Pontevedra) habilitouse unha sala de illamento, logo de levarse a cabo unha pequena reforma, polo que abriu de novo o pasado 14 de setembro.

O conselleiro de Sanidade insistiu en que falar de prazos hoxe é moi complicado por mor da situación de pandemia sen precedentes que estamos a vivir, polo que hai que adaptarse en cada momento. O principal interese, dixo, é que existan espazos seguros para os nosos pacientes e tamén para os nosos profesionais.