A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez contrapón os Orzamentos da Xunta máis altos da historia a os presupostos "das escusas e do esquecemento" do Goberno de España, os máis baixos para Galicia en 15 anos

Vázquez Mourelle salienta os máis de 11.500 M€ que a Xunta destina á protección social e á reactivación económica, mentres o Goberno de España sitúa Galicia no sexto lugar por investimento total e recorta en máis de 100 M€ o gasto

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo hoxe en valor os Orzamentos da Xunta para 2021 como os máis altos da historia, o que contrasta cos Presupostos do Goberno de España, os máis baixos para Galicia en 15 anos.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento autonómico, Vázquez Mourelle salientou o carácter expansivo dos Orzamentos da Xunta do 2021, centrados na protección social e no impulso da reactivación económica, o que contrasta cos orzamentos “das escusas e do esquecemento” do Goberno de España, que baixan en máis de 100 millóns de euros o investimento en Galicia.

Tal e como sinalou a conselleira, “as cifras cantan”, xa que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro superan os máis de 11.500 M€, con máis de 2.500 millóns de euros reservados a investimento produtivo. Isto é, sinalou, tres veces máis dos que se consigna a Galicia no investimento territorializado do Goberno.

Pola contra, apuntou, as contas do Estado sitúan Galicia no sexto lugar por investimento total entre as comunidades, pese a ser unha das autonomías que acumulan un maior déficit en infraestruturas.

Subliñou que os orzamentos Xerais do Estado xustifican a falta de investimento en ferrocarril convencional polo elevado investimento xa realizado no AVE, a pesar de que a alta velocidade aínda non chegou a Galicia e non chegará ata finais de 2021 ou 2022, “e iso, con sorte”.

Ethel Vázquez puxo como exemplo do lento ritmo de traballo ao que está acostumado o Goberno de España coas necesidades de Galicia, como mostran os tres anos dados para o estudo hidroxeolóxico para a chamada Variante de Cerdedo, adxudicado o pasado ano.

Cualificou de imperdoable o esquecemento dos Orzamentos do Estado do Corredor Atlántico ferroviario, co risco engadido de que se poida chegar a perder a oportunidade do financiamento europeo para a necesaria modernización da rede ferroviaria de mercadorías, ferramenta para incrementar a competitividade e a capacidade loxística.

A este respecto, chamou a atención sobre o “investimento 0” nas conexións ferroviarias dos portos atlánticos, pois non se consignan fondos para a conexión ferroviaria do porto de Langosteira, na Coruña e resérvanse partidas insignificantes para a Saída Sur de Vigo. Tampouco, engadiu, se prevén outras melloras ferroviarias, como a da liña Ferrol-A Coruña, que recibe unha partida mínima; ou o tren de vía estreita Ferrol-Ribadeo, que directamente desaparece.

Ethel Vázquez advertiu tamén dos esquecementos no mapa orzamentario do Goberno de España para as grandes cidades galegas. Sinalou, así, a desaparición de partidas para a ampliación da avenida de Alfonso Molina, a Ponte Pasaxe, o Vial 18 ou a prolongación do acceso ao porto exterior, na Coruña, actuacións que si contaban con partidas específicas nos orzamentos de 2018, os derradeiros do Goberno presidido por Mariano Rajoy.

Apuntou que en Vigo os investimentos tamén brillan pola súa ausencia, con cantidades ínfimas para a autovía Vigo-O Porriño, para a remodelación da Avenida de Madrid ou para a integración urbana da AP-9.

Sinalou que nos grandes eixos de comunicación viaria os orzamentos do Estado de 2021 recollen nada, ou practicamente nada. Esta contas, dixo, non recollen partidas para iniciar as obras das estradas chamadas a vertebrar o interior da Comunidade. Referiuse á ausencia de partida para a autovía da Mariña lucense, cualificando de “desprezo absoluto” os investimentos propostos para a A-76, Ponferrada-Ourense, e para a A-56, Lugo Ourense.

Avanzou que, ante estes Orzamentos Xerais, a Xunta está a traballar para intentar corrixilos vía emendas do grupo parlamentario, reclamando 300 millóns de euros máis de partida orzamentaria dedicada a Galicia.

Imaxes relacionadas