A Xunta avoga pola educación como ferramenta para desterrar actitudes sexistas e de control na parella entre a mocidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou desde Santiago de Compostela na webinar da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo ‘Por un futuro sen violencia: educando en novas masculinidades’

A Xunta defende a educación como porta de entrada para que a igualdade cale entre as persoas máis novas

López Abella cre que hai que desterrar as “asimetrías” nas relacións entre rapazas e rapaces que poden desembocar en situacións de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela na webinar Por un futuro sen violencia: educando en novas masculinidades, organizada pola Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, onde defendeu que o camiño para avanzar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero é a educación.

O acto, que coincidiu coa conmemoración hoxe do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, permitiu á secretaria xeral incidir na necesidade de “sumar esforzos entre todos e todas para por en marcha un importante motor de cambio” xa que, engadiu, “a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación”.

Neste sentido, subliñou a relevancia do traballo pola igualdade na educación co obxectivo de “cambiar” os valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero “a través dun modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes en todas as súas dimensións”.

“O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos, o que importa é concibir a educación como un todo”, destacou ante máis de setenta participantes que seguiron a webinar desde Galicia e outras comunidades, e mesmo de países de Latinoamérica.

Para a Xunta a educación é a “porta de entrada” para que a proclama da igualdade vaia calando entre as xeracións máis novas que “van recoller e materializar esta testemuña de cambio”, evidenciou López Abella, quen incidiu en que “a persistencia destes roles, estereotipos e actitudes sexistas aínda presentes na nosa sociedade perpetúan as desigualdades, polo que se fai preciso abordar un cambio máis profundo dos nosos valores e ideas”.

Control en parella

A secretaria xeral da igualdade referiuse tamén á “asimetría” nas relacións entre rapazas e rapaces que poden desembocar en situacións de violencia de xénero e apuntou que “desde a adolescencia a principal condición de risco de violencia de xénero é a mentalidade sexista baseada no dominio e na submisión, mentalidade que a prevención debe erradicar”, en alusión a recentes estudos sobre a materia.

“Os celos non son unha expresión de amor, senón de poder, posesión e control; e as ameazas encobren unha baixa autoestima, inseguridade e desconfianza”, subliñou López Abella.

A Xunta traballa para concienciar á xuventude sobre prácticas perniciosas como o control por parte da parella de amizades, xeitos de vestir, falar ou comportarse; o distanciamento de amigos e familia ou a vixilancia por medio do whatsapp ou das redes sociais. “O control non é amor, a humillación non é amor, os celos non son amor, a manipulación non é amor, o abuso non é amor, a chantaxe emocional non é amor, a sextorsión non é amor”, sentenciou a responsable de Igualdade.

O Goberno galego traballa en accións concretas para atallar este tipo de comportamentos no ámbito educativo. Ten deseñado un Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero; desenvolveu o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia e vén de inserir no currículo do alumnado materias de libre configuración autonómica como: Igualdade de xénero (para 1º e 2º da ESO), Coeducación para o século XXI (Bacharelato) e Promoción da igualdade de xénero (para FP superior).

Este mesmo mes a Xunta presentou a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo e as unidades didácticas Feminismos. A historia cóntana as vencedoras. Trátase de que o alumando entenda dun xeito ameno e próximo a loita das mulleres por conseguir un mundo onde a igualdade sexa a norma e non a excepción.

Imaxes relacionadas