O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente segundo, Francisco Conde, participaron hoxe na reunión da comisión Next Generation Galicia

A Xunta presentará mañá a Lei de reactivación que ofrecerá vantaxes aos proxectos empresariais estratéxicos, máis axilidade administrativa, incentivos fiscais e facilidades para acceder ao solo industrial

A nova lei tamén incentivará os proxectos presentados aos fondos de recuperación europeos

“Estamos a falar dunha nova cultura administrativa para activar os procedementos administrativos, dunha desburocratización das administracións autonómica e local, no ámbito das nosas responsabilidades”, abunda Feijóo

“Temos que pensar a medio e longo prazo, seleccionando proxectos que modifiquen a competitividade da economía, que creen emprego e que consoliden unha reactivación económica que veña para quedarse”, subliña

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta presentará mañá xoves, no Consello, a Lei de reactivación, que ofrecerá vantaxes aos proxectos e iniciativas empresarias estratéxicas, máis axilidade administrativa, incentivos fiscais e máis facilidade para acceder ao solo industrial.

Durante unha reunión da comisión Next Generation Galicia, na que participou xunto ao vicepresidente segundo, Francisco Conde, Feijóo incidiu en que, ademais da aprobación a pasada semana do proxecto de orzamentos de 2021, para dar resposta aos retos que Galicia afronta neste momento, o Consello avaliará mañá a Lei de reactivación, co obxectivo de “cambiar a cultura” da Administración pública de cara a facilitar os investimentos que se produzan na Comunidade.

Deste xeito, precisou que o novo texto outorgará beneficios fiscais e outros apoios, especialmente aos investimentos que se produzan no sector primario e no ámbito rural; e facilitará que a maioría dos prazos para obter un informe favorable ou unha autorización se reduzan a un terzo. Ademais, resaltou tamén que incentivará os proxectos presentados aos fondos de recuperación europeos.

“En definitiva, estamos a falar dunha nova cultura administrativa para activar os procedementos administrativos, dunha desburocratización das administracións autonómica e local, no ámbito das nosas responsabilidades”, abundou.

Ao longo da súa intervención e sobre os fondos Next Generation, o presidente da Xunta reiterou a necesidade de coñecer os criterios de selección dos proxectos para poder seguir avanzando.

Ao respecto, lamentou que España non conte cun comité de expertos independentes para analizar os distintos proxectos que presenten as comunidades e reiterou a necesidade de que a dispersión de poboación, o problema demográfico, a transición industrial inacabada, a porcentaxe de poboación rural e os niveis de renda per cápita por debaixo da media de España e da UE sexan criterios que se deban impulsar á hora da selección.

Nesta liña, e a modo de exemplo, expuxo que na Mesa de automoción, celebrada o luns e convocada polo Ministerio de Industria, non se deron a coñecer os criterios que se van aplicar para seleccionar os proxectos que as comunidades presenten referidos ao sector.

“Temos que aproveitar coa maior rendibilidade económica os fondos que a UE pon a disposición. Temos que pensar a medio e longo prazo, seleccionando proxectos que modifiquen a competitividade da economía, que creen emprego e que consoliden unha reactivación económica que veña para quedarse”, subliñou Feijóo.

Reunión co comité de expertos económicos

Logo desta reunión, o presidente do Goberno galego mantivo unha xuntanza co comité de expertos económicos para avanzar no deseño de medidas para fortalecer as empresas na Comunidade. “E pediremos tamén que faga unhas estimacións da evolución da economía galega para os vindeiros anos: crecemento do PIB, estimación de reorientación de sectores estratéxicos, estimacións da transición ecolóxica e da economía dixital... En definitiva, queremos coñecer a súa perspectiva para buscar o mellor diagnóstico e tratamento para a economía nos vindeiros anos”, dixo.

Así mesmo, trasladou a importancia de que este comité avalíe os 108 proxectos galegos que Galicia ten xa preparados en relación aos fondos da UE, e que poderán mobilizar 9.400 millóns de euros; así como o texto da Lei de reactivación, “co fin de que este chegue enriquecido ao Parlamento”.

Imaxes relacionadas