A Xunta apoia ao Concello de Touro na reforma do pavillón municipal e na ampliación do campo de fútbol

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os traballos realizados en ambas instalacións municipais, no marco da Orde de infraestruturas de uso público

Natalia Prieto incidiu na importancia da cooperación entre as administración para axudar aos concellos a levar a cabo proxectos que contribúan ao benestar da cidadanía

A colaboración entre a Xunta e o municipio de Touro supuxo nos últimos anos un investimento por parte do Goberno galego de case 426.000 euros destinados a melloras ambientais e de infraestruturas

Touro (A Coruña), 25 de novembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as melloras realizadas no pavillón municipal e no campo de fútbol do concello de Touro, que a Xunta apoia a través da convocatoria deste ano da Orde de infraestruturas de uso público.

Deste xeito, o Goberno galego colabora co concello para levar a cabo actuacións nas súas infraestruturas municipais, neste caso, nas súas instalacións deportivas. Por unha banda, as axudas da Xunta contribuiron a reparar as filtracións que se producen no pavillón a través da cuberta, polo que se substituiron os elementos en mal estado e renovaronse os canalóns e baixantes para permitir a evacuación da auga. Ademais, no campo de fútbol demoleuse unha edificación auxiliar que se reconstrue ampliándoa para dotar de maior superficie ao recinto.

Xunto con estas actuacións, a Xunta tamén financiou este ano o subministro de contedores para a recollida selectiva de residuos sólidos urbanos, envases e plásticos, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. O apoio da Administración autonómica ao municipio neste exercicio supuxo un investimento de máis de 28.700 euros, que se integran nos case 426.000 euros que a Xunta leva investidos en Touro nos últimos anos para executar melloras ambientais e de infraestruturas.

Así, entre as actuacións financiadas polo Goberno galego no concello destacan melloras en instalacións deportivas como as visitadas hoxe, a reparación de beirarrúas, o mantemento e o equipamento de varias áreas recreativas, actuacións en parques infantís ou traballos para garantir o abastecemento de auga en distintos núcleos do concello. Trátase de melloras financiadas polo Goberno galego nestes anos mediante acordos ou subvencións como o Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, ou a Orde de Infraestruturas de uso público, que na convocatoria deste exercicio dispón de catro millóns de euros, un millón máis que o ano pasado.

Natalia Prieto explicou que son actuacións que redundan no benestar dos cidadáns e que ás entidades locais lles sería máis complicado executar en solitario, de aí a importancia da colaboración entre administracións, como a que vén mantendo a Xunta cos concellos galegos para axudarlles a realizar os seus proxectos.

Imaxes relacionadas