O concurso do programa 'Un Nadal de Contos' da Aula Galicia Aberta premiará aos 50 nenos e nenas que remitan debuxos das emisións

Os interesados deberán enviar, como mínimo, un debuxo de calquera dos dous contacontos que se emiten cada semana ata o 26 de decembro ao correo aulagaliciaberta.emigracion@xunta.gal

Os gañadores recibirán unha mochila, unha gorra e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha a partir desta mesma tarde, e dentro do programa Un Nadal de Contos da Aula Galicia Aberta, un concurso para os máis pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos.

“Un Nadal de Contos” comeza esta tarde, ás 20 horas (horario de España), e consiste en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida a través do Facebook live de Galicia Aberta os mércores e sábados de 20 a 21 horas de España dende o próximo 25 de novembro e ata o 26 de decembro.

Todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto.

Os nenos e nenas deberán enviar, polo menos, 5 debuxos sobre estas historias, polo menos un por cada semana de emisión. Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

Os pequenos deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta: https://emigracion.xunta.gal/es/actividad/aula-galiciaaberta.

Imaxes relacionadas