Galicia súmase á nova demanda de diálogo que as comunidades do norte do Río Douro reclaman ao Ministerio para abordar a situación do lobo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda envía unha carta á ministra Teresa Ribera, tamén asinada polos seus homólogos de Asturias, Cantabria e Castela e León, na que solicita un encontro para explicarlle de primeira man as razóns pola que se opoñen á inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especia (Lesrpe)

Salienta que son as comunidades autónomas as que se encargan da xestión e conservación e as que recompilan a información detallada sobre o estado das especies

Recorda que aínda non obtivo resposta á súa primeira petición de reunión e lamenta a imaxe de falta de unidade que se traslada á sociedade, nunha cuestión cuxo obxectivo é compatibilizar a conservación coa actividade gandeira das nonas rurais

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vén de solicitar unha nova petición de diálogo á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera Rodríguez, para abordar os plans do Goberno central para a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especia (Lesrpe).

Ángeles Vázquez solicitou unha reunión urxente, a través dunha carta dirixida á ministra Ribera e que tamén está asinada polos seus homólogos de Asturias, Cantabria e Castela e León, co fin de explicarlle de primeira man a posición das catro comunidades ao norte do Río Douro polas que se negan a incluír esta especie cinexética no Lesrpe, fundamentos e razóns que foron expostas no Comité de Flora e Fauna Silvestre e no Grupo de traballo deste Comité.

Na misiva indicase que é necesario que o Ministerio conecte coa realidade territorial para poder exercer a súa función de marco referencial e recorda que son as comunidades autónomas as que dispoñen de información detallada e veraz sobre o estado de conservación das distintas especies, xa que son as responsables da xestión e conservación, no caso de Galicia seguindo a estratexia aprobada no ano 2005.

Ángeles Vázquez recorda que esta non é a primeira vez que se ten dirixido ao Ministerio, pois hai case un mes as catro comunidades xa lle trasladaron por escrito a súa inquietude ante o proceso aberto polo Ministerio que dirixe Teresa Ribera para incluír o lobo no Lesrpe, unha comunicación que aínda non foi atendida nin respondida por parte do Goberno. Nese sentido, lamentou a imaxe de falta de unidade que se está a trasladar á sociedade en torno a esta cuestión.

Incidiu unha vez máis na necesidade e importancia de achegar posturas de consenso, pois o obxectivo que debe primar é o da conservación e a axeitada compatibilidade coa gandería e o que esta actividade supón para a economía das zonas rurais e para a biodiversidade.

Apoio das tres organizacións agrarias

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, mantivo esta mesma semana varios encontros cos representantes das tres organizacións agrarias de Galicia (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia -Asaga-) para informalos da postura da Consellería de Medio Ambiente en relación coa inclusión deste especie cinexética no Lesrpe.

Nese sentido, recordoulles que unha maior protección do lobo, como defende o Goberno estatal, implica romper o actual equilibrio entre a conservación desta especie e o mantemento das razas autóctonas en extensivo. Explicou que -de saír adiante esta proposta- os intereses de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León veranse directamente afectados, pois nestas rexións rexístranse importantes poboacións desta especie asentadas no territorio e, por tanto, son as que sofren as maiores consecuencias sobre o sector gandeiro dos ataques puntuais destes animais.

Os representantes das organizacións agrarias trasladaron á directora xeral o seu apoio e defensa á postura que manteñen as catro comunidades ao norte do Río Douro; polo que a directora xeral invitounos a que trasladara ás súas respectivas organización nacionais para que se sumen á estratexia que promoven as catro rexións, que aposta por manter a poboación estable ao tempo que se compatibiliza -a súa existencia- coa gandería extensiva e coa viabilidade económica das explotacións.